O goberno local sacará en breve a contratación as obras de reconstrución do Convento das Donas

515

O goberno local sacará nos vindeiros días a licitación as obras de reconstrución do convento das Donas, considerada a edificación máis antiga de Betanzos una vez recibida a autorización de Patrimonio e logo da aprobación por parte do Pleno da Deputación do proxecto.

A actuación alcanzará os 349 952 euros, cunha achega municipal de 205 765 euros.Con este proxecto intentarase “devolverlle vida a unha peza singular, o dereito a ser usado e entendido como espazo público de uso”, segundo explica a alcaldesa,  María Barral. A proposta técnica ten como obxectivo conseguir un espazo que sexa referencia e lembrará, non polo seu tamaño, senón por devolverlle ese valor de referencia, o que no momento da súa construción representou na contorna e para a xente daquela época. Un espazo que dote de carácter ao conxunto sen alterar o volume e o revalorice, que permanece dende a orixe da construción.

A alcaldesa indica que o proxecto inclúe uns criterios da intervención que se poden resumir en: Conservar todo aquilo que se recoñece como parte da edificación conventual e eliminación de aditamentos que co tempo se lle foron engadindo sen criterio e que se atopan ademais en ruína; conservar testemuñas das diferentes épocas e usos que tivo o monumento; devolverlle ao conxunto a posibilidade de uso; e completar o existente cos servizos necesarios, distinguindo claramente unha nova edificación  da existente.

Os usos que a actuación proxecta para este inmoble están en relación coa poboación da contorna, adaptada ás súas necesidades. Contémplase a creación de espazos onde as actividades de lecer, estudo, exposición e convivencia, colectivas en xeral, se poidan desenvolver. O programa tradúcese na creación dun centro sociocultural, con dúas salas de uso múltiple.

Estes obxectivos se concretan en conseguir un espazo representativo na á oeste, que se mantería: o corpo principal do conxunto, orixinariamente de dous andares que non chegaron a nós, proponse limpalo e deixalo como unha sala única, a dobre altura, acorde co novo uso multifuncional, fronte ao seu uso orixinal de dependencias domésticas, e nun intento, ademais, de “monumentalizar” e facer recoñecible o seu valor histórico.

Recuperar o concepto de patio: á hora de propoñer espazos complementarios que fixeran utilizable a edificación existente e deran sentido ao restos atopados, o proxecto propón  un patio, tal e como o conxunto tiña no orixe, e resulta propio da tipoloxía conventual ou de pazo. O patio, entendido así como interior delimitado, trata de recuperar un espazo de encontro significativo, de acceso aos distintos corpos e con capacidade para “recoller” o parque contiguo co que intenta dialogar.

Os muros que hoxe vemos seguen a ser a envolvente definidora e a imaxe do conxunto. A carón deles o patio confeccionarase cun peche acristalado que define espazos e permite a percepción do espazo orixinal. Con esta nova confección do conxunto obterase unha antesala, espazo de chegada (recibidor) localizada na entrada principal que tivo o convento, co arco de acceso como elemento distintivo e referencial; unha segunda sala multifuncional complementaria; e espazos onde situar aseos, instalacións e servizos necesarios para transformar o conxunto nun centro de actividades colectivas.

En definitiva, as actuacións pasan por rehabilitar o corpo principal como espazo único, cunha única planta, obtendo un espazo amplo, de dimensións e escala acordes co uso colectivo; a integración e restauración dos muros do perímetro que se conservan; posta  en valor dos arcos, como elementos singulares, e incorporación de novos  espazos coa creación dun patio cunha antesala de chegada, onde se localizan os servizos, instalacións, armarios, futuros paneis informativos e calquera outro elemento que indique e invite ao uso das actividades que en cada momento se desenvolvan no conxunto, con acceso dende a rúa e dende o patio, para recoller todos os posibles tránsitos, e dende o que se chega a todos os locais; unha sala de usos múltiples; un espazo pensado para ser utilizada como sala de reunións, de charlas, actividades lúdicas para nenos ou adultos… definida polo muro e un peche acristalado que delimita o patio.