María Barral analiza co delegado do Goberno a colaboración do Estado no proxecto de recuperación do Pasatempo

343

A alcaldesa, María Barral, mantivo o pasado xoves 5, unha reunión co delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones Conde, co fin de concretar “a colaboración do Goberno de España no proxecto de recuperación do parque do Pasatempo e analizar outras actuacións pendentes como a cesión das estradas nacionais ao seu paso polo núcleo urbano”.

 

 

Sobre o Pasatempo, a primeira edil explicou que “tras a reunión mantida no seu día coa ministra de Turismo, abríronse vías de colaboración para que o Goberno participe no proxecto do parque que agora hai que concretar”. Neste sentido, expuxo ao delegado establecer “unha mesa de traballo co fin de avanzar en determinados aspectos e ver as posibilidades de financiamento de actuacións neste Ben de Interese Cultural a través dos distintos plans de axudas e programas para a recuperación de patrimonio que está a impulsar o Goberno central”.

A alcaldesa agradeceu o interese do delegado no proxecto e buscar esa colaboración “que espera poder concretar para sumar á achega realizada pola Deputación Provincial e o propio  Concello, que ata o de agora foron as dúas únicas administracións que dispuxeron fondos para o proxecto, en total 750.000 euros”. Espera que tamén a Xunta “non quede simplemente na contratación dun plan director e que, dunha vez por todas, confirme tamén a súa disposición para colaborar a través dunha partida económica para o parque”.

A alcaldesa, María Barral, e o delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones Conde no edificio Liceo

Por outra banda, María Barral avanzou cos delegado aspectos relacionados coa cesión das estradas nacionais, tanto a  N-VI como a  N-651 en dirección a Ferrol, co fin de “concretar as actuacións que o Concello pretende que Fomento realice previas a esa cesión das vías. Entendemos que é necesario executar unha serie de actuacións de mellora da seguridade, como a construción da rotonda na zona da Magdalena; o reforzo da sinalización tanto vertical como horizontal e a pavimentación, que leva anos sen realizarse. Eses aspectos haberá que concretalos para que logo o Concello asuma as competencias nesas dúas vías, desde Coirós ata As Angustias e o tramo da Ribeira-Saavedra  Meneses”. A primeira edil confía en que pronto haxa avances nestes aspectos e que poida concretarse esta cesión dado que agora mesmo “polo carácter netamente urbano das vías non teñen sentido que siga dependendo do Estado”.