Os betanceiros presentaron 19 propostas ao programa de orzamentos participativos ao que destinan 100 000 euros

557

Dezanove propostas de actuación. Ese é o número de propostas presentadas ao programa de orzamentos participativos do Concello por persoas particulares e entidades para os que o se reservarán unha partida de 100 000 euros.

 

Agora, unha vez finalizado o prazo de dez días para a presentación, as 19 actuacións expostas serán examinadas polos técnicos municipais que farán unha valoración, clasificación e selección, en base ao estudo da súa viabilidade económica e técnica. Esta acta publicarase na web municipal e no taboleiro de anuncios o 12 de novembro informando da aceptación ou rexeitado de cada proposta.

Tras esa publicación, do 15 ao 25 de novembro abrirase o período de votación a través dos mesmos medios que os utilizados na recollida de propostas, é dicir, por medios telemáticos e nunha urna situada no Rexistro xeral do Concello. Para facer efectivo o voto, os cidadáns deberán cubrir un documento onde figurarán os seus datos persoais e unha relación das propostas que concorren aos orzamentos participativos. O Concello comprobará que a persoa que participe na votación está empadroada no termo municipal, xa que o programa está dirixido á veciñanza de Betanzos, empadroada, maior de 16 anos  ou a entidades. O día 29 de novembro publicarase a proposta ou propostas seleccionadas e que se executarán con cargo a eses 100 000 euros.

As 19 propostas presentadas e que serán agora sometidas ao estudo técnico para definir cales delas cumpren para estar na fase de votación son as seguintes:

-Creación espazo de exercicio físico “crossfit” “calistenia” cuberto na contorna do Paseo Ramón Beade. Betanzos non conta cun espazo con mobiliario no que a súa veciñanza poida realizar actividades de tonificación muscular de forma libre e accesible para calquera persoa . Polo que sería de interese a instalación dun parque de crossfit de exercicios de calistenia (de traballo unicamente co peso corporal) na contorna do Paseo Ramón Beade. Sendo esta zona un lugar de práctica deportiva habitual por partedos betanceiros e betanceiras. Instalaríase solo de seguridade, aparellos para exercicios con traballo con peso corporal ou cargas externas seguras, cuberta e iluminación.

-Mellora do camiño da Veiga. Co obxecto e a finalidade de mellorar o acceso da veciñanza que transita pola zona, coa limpeza de noiros e beiravías, o reforzamento e o asfaltado desde o seu inicio na zona da Ponte Vella ata as súas limites co Concello de Paderne, así como a variante que o camiño ten no seu parte norte e que o comunica coa estrada de Paderne. O devandito camiño non foi asfaltado desde hai mais de 15 anos e especialmente no seu último tramo que tan só conta cunha capa de aglomerado e atópase en fase de descomposición permanente.

-Renovación pavimento e infraestruturas da rúa Quiroga. Renovación do pavimento da rúa Quiroga, coa mellora de infraestruturas. Mellora do canellón que une Quiroga e Noas, e renovación do pavimento actual.

-Saneamento na Condomiña. Renovación do saneamento entre varios números.

-Arranxo da rúa da Nosa Señora do Camiño.

-Parque de calistenia.

-Carril bici. Un carril bici por toda a periferia e as avenidas principais  (avenida Fraga Iribarne, avenida da Coruña, Malecón, Porto, Valdoncel, avenida dos Irmáns García Naveira, avenida Linares Rivas, rúa Ferradores) e que se instalen puntos de aparcadoiro de bici.

-Pista de salto de lonxitude. Unha pista de lanzamentos, de salto de lonxitude e unha de lanzamento.

-Elevación pasos de peóns do Cantón. Dado o tráfico que soporta apraza dos Irmáns García Naveira, a avenida García Naveira e a rúa Emilio Romay. Ademais de poñer un valado no Cantón de maneira adaptada á estética da contorna para mellorar a seguridade da zona onde xogan os nenos e as nenas e están persoas maiores.

-Instalación dun parque de calistenia na zona do velódromo. Construción dun parque de calistenia na zona do velódromo aproveitando os espazos libres entre o campo de fútbol e o propio velódromo. A instalación dun parque de calistenia non require de moito equipamento nin mantemento comparado coas grandes posibilidades que este equipamento ofrece aos diferentes colectivos (todas as idades) e poboación en xeral.

-Mantemento das fontes municipais. Realizar mantementos máis a miúdo ás diferentes fontes do Concello.

-Reforzo de limpeza, máquinas baldeadoras. Necesidade dunha maior limpeza das rúas -Rosalía De Castro-Pintor Seijo Rubio e Alexandre Bóveda os domingos utilizando máquinas baldeadoras como fan outras cidades

-Adquisición das ruínas da antiga fábrica de curtidos da Magdalena. Paso previo á súa posterior posta en valor orientada a que o Concello se converta en propietario do edificio fabril situado no barrio da Magdalena como estratexia para garantir á súa conservación.

-Mellora do campo de fútbol do Carregal. Construción de peche acristalado na zona superior da bancada, bancos homologados, teito na entrada do campo, reparación e pintado de muros e portóns, ampliación de redes existentes, formigonado do perímetro do campo e construción de vestiarios femininos.

-Mellora Parque Infantil do Pasatempo.

-Creación doutra pista cuberta como a do Carregal para que en época de mal tempo teñan onde xogar ao fútbol, baloncesto, patinar, etc.

-Cuberta lixeira sobre parque infantil Pasatempo. Cuberta lixeira sobre a zona de xogos infantís.

-Seguridade peonil nas Angustias. Concluír as beirarrúas ao longo da N-VIN até As Angustias, e un semáforo con paso de peóns nas Angustias para permitir cruzar e poder facer un uso seguro do transporte público.

-Arrombar zona As Minas.  Arrombar zona As Minas e facer unha pista cuberta.