Primeira reunión de constitución da Fundación Globo de Betanzos o mesmo día no que se tería que celebrar o tradicional lanzamento, suspendido pola Covid-19

377
Primeira reunión do Padroado da Fundación do Globo de Betanzos, xusto o día de celebración do globo de Betanzos no salón azul do edificio Liceo

Primeira reunión do Padroado da Fundación do Globo de Betanzos, xusto o día de celebración do globo de Betanzos que este ano, por segunda vez de forma consecutiva, non se celebrará pola pandemia. Por esta razón, a alcaldesa, María Barral, quixo convocar a primeira reunión de constitución da Fundación “coincidindo co día 16 e como homenaxe a todos e todas as que fan posible manter a tradición do Globo, encabezados pola familia Pita”.

Con ese obxectivo a primeira edil quixo celebrar este acto de constitución da Fundación nun día “agridoce, porque por unha banda, poñemos a funcionar a Fundación mais, por outra, é un día triste para Betanzos porque o Globo, o seu globo, outra vez non poderá saír. As suspensións pola Covid-19 sempre foron duras, a feira medieval, as festas, Os Caneiros… mais ningunha é tan dura emocionalmente como o globo para os betanceiros e betanceiras ”.

A alcaldesa destacou que o de hoxe “é un día moi importante para Betanzos porque queda constituída oficialmente a Fundación, tras moitos meses de trámites”. Indicou que espera que “o ano que temos por diante sirva para seguir traballando xuntos e que o ano que vén as circunstancias permitan a elevación do noso querido Globo”.

A familia Pita, representada por Emilio e Jaime Pita, destacaron a importancia da constitución desta fundación e a posta en marcha para que “esta tradición perviva para sempre” despois de moito tempo de traballo para que “fose realidade”.

Con este paso, a primeira edil destacou que “o Concello garante que se manteña unha tradición centenaria e o símbolo de Betanzos como é o lanzamento do Globo o día 16 de agosto, un símbolo e orgullo de todos e todas os betanceiros e betanceiras”. E é que a Fundación terá como obxectivo o de conservar, custodiar e divulgar o Globo de San Roque, creado por Claudino Pita e conservado polos seus sucesores que depositan todos os dereitos existentes ao respecto nela.

A historia do Globo, cuxo lanzamento se realiza de forma ininterrompida desde mediados do século XIX, convérteo nunha das tradicións de maior arraigamento das festas patronais, e convérteo na actividade máis importante das festas tanto polo que representa para os propios betanceiros como pola repercusión mediática e de visitantes que se produce cada 16 de agosto cunha media de 50 000 persoas na praza dos Irmáns García Naveira que ven cada ano como se eleva o globo de papel máis grande do mundo, realizado artesanalmente na súa práctica totalidade, con materiais tradicionais: os dezaseis cuarteiróns que o conforman son de papel de estraza, pegado con engrudo de fariña de centeo e reforzado con cinta de algodón, ilustrados con viñetas humorísticas realizadas por artistas locais. Cunha altura máxima de 25 metros, un diámetro máximo de 16 e unha circunferencia máxima de algo máis de 50 metros.

A Fundación será a encargada, como se recolle nos seus estatutos, de elaborar, inflar e lanzar conforme aos patróns e formas custodiadas, o Globo de San Roque cada 16 de agosto con ocasión das festas patronais. Todos estes labores terán que cinguirse canto a materiais e métodos de traballo aos descritos na marca O Globo de San Roque concedida en xullo de 1979 e cuxa titular será a Fundación.

Nos estatutos figura todo o proceso que hai que seguir cada ano para a elevación e lanzamento do globo. Entre elas, estipúlase que no caso de que non puidese lanzarse “por causa de forza maior” o 16 de agosto, tería que efectuarse o 18 á mesma hora (23:30 h). Se pola mesma causa, tampouco fose posible, tería que facerse o 25 de agosto. Non podería lanzarse en ningunha outra data e tería que ser destruído para que non poida ser copiado, exposto ou reutilizado por ninguén.

A representación, o goberno e a administración da Fundación están a cargo, de modo exclusivo, do Padroado que se reuniu e que está composto por doce membros: a alcaldesa, presidenta; a concelleira de Cultura, outros tres concelleiros ou concelleiras nomeadas pola alcaldesa ou membros da Corporación; o secretario da Corporación; tres membros da familia Pita: Jaime Pita e Emilio Pita e unha terceira persoa da familia escollida por eles; e tres persoas máis que veñen colaborando na elaboración e lanzamento do Globo dos que unha delas será un dos debuxantes.