Urbanismo ábrelle un expediente a un local de hostelaría por obras na fachada dun inmoble protexido sen permiso municipal para poñer unha televisión

721

O Concello acaba de abrirlle un expediente a un local de hostelaría situado no número 3 da praza Domingo Etcheverría despois de realizar obras na fachada do establecemento. Dende a área de Urbanismo anunciouse a apertura dun expediente sancionador a maiores do que decrete a Dirección Xeral de Patrimonio, dado que o inmoble está na zona do casco histórico, a quen tamén se informou da situación.

Os traballos consistiron na apertura dun oco na fachada principal de inmoble cara á praza Domingo Etcheverría. A pesar de que a Policía lle trasladou a paralización dos traballos cando foron detectados no mes de maio, a Covid atrasou a inspección técnica ata o mes de xuño. Nela detectouse unha desobediencia na paralización verbal das obras por parte da Policía Local aos responsables, e comprobouse a continuidade en execución das obras, coa disposición dun plano fixo de vidro con marco metálico lacado negro, a modo de ventá, con disposición pegada interior dunha televisión, encaixada neste oco. A disposición deste elemento no servizo de televisión a terraza exterior do establecemento.

A vivenda está catalogada e protexida coma determina a normativa urbanística do Pepoch, que comprende aquelas edificacións de valor arquitectónico que se deben conservalas fachadas ou algúns outros elementos da edificación no seu estado actual. Neste caso, vulneráronse as normativas co rachado de fachada, en apertura do oco sobre o ben inmoble catalogado, pertencente ao conxunto histórico artístico do casco histórico de Betanzos, a modo de ventá, sobre a que se dispón un equipo de televisión, para ofrecer este servizo audiovisual á terraza exterior do establecemento, sen licenza municipal para isto.

Por isto, a área de Urbanismo determinou a apertura dun expediente de reposición da legalidade, e ordenoulle a reposición o estado orixinario anterior con respecto ao oco practicado, a súa custa, con reposición materiais e acabados, no machón na fachada afectada, coa reposición e a reparación dos elementos danados. Para isto, dado que se trata dunha intervención para realizar sobre un elemento obxecto de protección, e en virtude do establecido nos artigos 142.2.b) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), 351.1.b) RLSG, art. 2.2.c) da Lei 38/1999 do 5 de novembro (LOE), e art. 43 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG); resultan de necesaria tramitación de intervención sometida ao réxime da licenza municipal que se deberá tramitar e solicitar por parte das persoas interesadas acompañada do correspondente proxecto de intervención completo respecto das actuacións en reposición para realizar.

Todo isto, segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, “sen prexuízo, da apertura do correspondente expediente sancionador” á propiedade pola infracción urbanística. O expediente trasladóuselle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia competente en materia de patrimonio cultural, para que este organismo adopte as medidas restitutorias e ou sancionadoras tendentes que correspondan, en función das súas atribucións competenciais.

Na Resolución, a Área de Urbanismo tamén indica como medida cautelar a suspensión inmediata das actuacións que se están levando a cabo no establecemento de hostalaría así como a instalación de equipo audiovisual, sen o título habilitante esixible necesario. O Concello precintou o oco e por se por calquera motivo fose levantado este precinto sen a oportuna orde, a Policía Local deberá poñelo en coñecemento do Xulgado por se fose motivo dun delito de desobediencia.