Betanzos outorgará os premios “ Garelo 2020” ao xogador de fútbol Dani Rodríguez, á agrupación teatral “Mariñán” e á empresa “Adegas Rivas”

1257

A alcaldesa, María Barral, anunciou que tamén haberá un “ Garelo especial” para a agrupación local de Cruz Vermella en recoñecemento ao seu traballo e colaboración co Concello en programas de axuda social

O Concello entregará o próximo día 14 de agosto os premios “ Garelos”, o máximo recoñecemento que concede o Concello cada dous anos a betanceiros ou betanceiras que destacan na súa traxectoria ou ben a nivel individual ou ben a nivel colectivo en cultura, deporte e en comercio e industria.

A alcaldesa, María Barral, adiantou a decisión do Concello, que irá a Pleno o vindeiro martes, cos premiados deste ano entre os que haberá un “ Garelos especial” para recoñecer, segundo a rexedora, “o labor, o traballo, a dedicación e o afán de colaboración co Concello da asemblea local de Cruz Vermella.

En Cultura o premio será para a agrupación teatral Mariñán que este ano cumpre o seu décimo ano de vida. O Concello quere destacar así o labor deste grupo de teatro afeccionado por achegar as artes escénicas a todos os betanceiros e betanceiras. Fai uns 25 anos, foi o profesor de literatura española, Daniel Martínez, quen levou o entusiasmo polo teatro a moitos betanceiros a través dun grupo escolar chamado “ Aveliña” e a creación do colectivo “ Rapsodas”. A partir de aí ideou xunto a outro destacado betanceiro, Xulio Cuns, a Agrupación de Teatro Mariñán como unha solución para que os estudantes que cursasen esta materia no instituto Francisco Aguiar seguisen ligados ao mundo do teatro. Desde entón ata hoxe continúan a súa viaxe polas artes escénicas, co encontro de teatro afeccionado cada mes de febreiro.

En Comercio e Industria o recoñecemento será para “Adegas Rivas”, unha empresa familiar fundada por Santiago Rivas en 1917. A actividade principal da compañía foi a comercialización e distribución de viño a granel e embotellado, ademais da venda no seu negocio da rúa Vandoncel 5 antes de trasladarse en 1986 á avenida Linares Rivas, onde se atopa a día de hoxe. Unha empresa familiar que se foi renovando e modernizándose adaptándose aos tempos.

En Deportes, o “ Garelos 2020” será para Daniel Rodríguez Vázquez “Dani Rodríguez”, o futbolista nado en 1988 en Betanzos pertence ao Real Club Deportivo Mallorca co que disputou a liga Santander. O centrocampista iniciou a súa andaina co Deportivo en 2007, desde onde foi cedido na tempada 2007/2008 ao Betanzos, permanecendo logo no Deportivo ata 2011. Logo virían outros equipos como o Conquense, Racing de Ferrol, Racing de Santander, e Albacete ata recalar no Mallorca en 2018. A primeira edil destacou o seu “crecemento profesional destes anos, grazas ao traballo diario, o seu sacrificio e dedicación nun mundo onde non é fácil chegar onde chegou Dani, a quen estou segura aínda quedan moitos éxitos que conseguir”, indicou.

Por último, este ano outorgarase o “ Garelos especial” a Cruz Vermella de Betanzos pola súa colaboración co Concello e polo traballo en distintos ámbitos: como o xuvenil, establecendo estratexias de acción cos mozos a través da educación, a participación e a intervención social con nenos e grupos xuvenís en dificultades ou risco social; en actuacións conxuntas co Concello para colaborar en dispositivos especiais, dentro da área de socorro e emerxencia; ou de formación co desenvolvemento de cursos socio sanitarios. A alcaldesa tamén destacou o seu labor en actividades de desenvolvemento de proxectos na área de emprego; as actuacións en inclusión social con apoio escolar; axuda a persoas máis vulnerables a través de programas de alimentos, hixiene infantil, ou dotación de material para o colexio ou as campañas de xoguetes en Nadal.

A entrega dos Garelos terá lugar nun acto institucional previsto para o 14 de agosto, que tería que coincidir co primeiro día de festas patronais que este ano foron suspendidas pola Covid-19.