A alcaldesa, María Barral, manterá diversas reunións con entidades de distintos ámbitos do Concello

524

A alcaldesa, María Barral, manterá diversas reunións a través de videoconferencias con entidades de distintos ámbitos doConcello. A intención é intercambiar impresións sobre a situación xerada pola Covid-19 e poñer sobre a mesa aspectos nos que Concello está a traballar para axudar a distintos colectivos, tanto a curto como a medio prazo.

A última destas reunións tivo lugar onte coa asociación de comerciantes e empresarios de Betanzos (Acebe) a quen a alcaldesa lles explicou algúns aspectos nos que está a traballar o Concello para impulsar actuacións que favorezan ao tecido empresarial e comercial. Fixo especial fincapé nos impostos e ordenanzas municipais nos que se está a traballar a nivel de Secretaría e Intervención e co resto de grupos políticos.

Explicou que nestas primeiras semanas o esforzo do Concello centrouse en atender, de forma prioritaria, o ámbito social e que agora, o seguinte paso está en tratar de establecer as pautas para axudar ao tecido comercial e empresarial que se viu afectado polo estado de alarma. Dixo que “é necesario artellar as pautas necesarias para minimizar o impacto económico negativo que esta crise vai provocar”.

Trasladoulle a Acebe que o goberno local ten que ter “os pés no chan para non crear falsas expectativas. “Na situación na que desgraciadamente nos atopamos, xerada por esta crise sanitaria, existen interrogantes canto aos criterios e formas á hora de poder establecer axudas dentro do marco legal.

Por iso é polo que cando anunciemos as medidas, que as haberá, dirixidas a varios colectivos, e para as que buscaremos o consenso de todos os grupos políticos, farémolo coa seguridade de que esas axudas imos poder levalas cabo”.

Así, á marxe das medidas de axudas directas que se poderán establecer, o que si que se vai a facer é unha revisión das ordenanzas e taxas municipais, especialmente das que poden afectar máis directamente ao comercio e á hostalaría. A alcaldesa explicou que como paso previo, haberá algunhas taxas concretas que si que o goberno local xa avanzaba que non vai cobrar como, por exemplo, as terrazas de hostalaría, un dos sectores máis castigados e que ten un papel destacado na economía local.

Ademais, comprometeuse a revisar os recibos da auga e de recollida de residuos co fin de que non se lle cobren estes servizos durante o período de estado de alarma e, por tanto, de paralización de actividade, tanto aos locais de hostalaría como ao resto da actividade comercial que non puideron abrir.

Tamén lles anunciou a intención de levar a cabo unha campaña de promoción e potenciación do comercio local para “impulsar que os betanceiros e betanceiras compremos en Betanzos e intentar axudar na medida do posible ao sector”. Anunciou tamén o reparto de máscaras e outro material de protección entre os e as comerciantes que están abertas neste período de alarma e tamén a quen, pouco a pouco, vaia incorporándose á súa actividade, mentres haxa limitacións para conseguir e adquirir este material”.