Betanzos continúa coa proposta cultural a distancia e convoca á veciñanza para un certame literario

623

O Concello de Betanzos continúa coa proposta cultural a distancia debido á crise sanitaria provocada pola Covid-19. É por iso que convoca un certame literario para nenas e nenos de idades entre 9 e 14 anos.

Baixo a lema “Cando pase todo isto”, pídeselle a quen participe que relate, nun máximo dunha folla, como está a vivir esta situación de confinamento e que plans teñen para cando todo isto termine.

Obsequiaráselles a todas e todos os participantes cunha camiseta do Concello de Betanzos, e para participar tan só ha de enviarse este relato por mensaxe directa á páxina oficial de Facebook do Concello de Betanzos (www. Facebook.com/concellodebetanzos).

Esta iniciativa súmase ás xa impulsadas pola Administración betanceira, e que tiveron moi boa acollida na veciñanza da cidade. En concreto, o “novo” certame das Balconadas para este 2020, que xa conta con máis de 20 exemplos e que engalanan Betanzos durante o estado de alarma.

A alcaldesa, María Barral, agradece “o comportamento que están a ter todas e todos os betanceiros. Pero é que ademais fixeron dunha situación como esta unha oportunidade e non deixaron de mostrar ao mundo o que somos: unha das cidades máis bonitas do mundo”, destacou a rexedora.