O Concello e o Consorcio realizan unha actuación especial de desinfección das rúas, con maquinaria da Demarcación de Estradas

141

O Concello reforzou os traballos de desinfección das rúas cunha nova actuación en colaboración co Consorcio das Mariñas e co equipamento de Estradas do Estado. As máquinas desinfectaron as rúas da zona urbana e rural e completaron así os labores diarios que tamén realiza o Concello con medios propios e servizos externos centrados nas rúas,  parques, nas prazas e no mobiliario público.

Paralelamente, o Concello reforzou o servizo de axuda á veciñanza que dispón dun teléfono especial para atender a calquera necesidade no 981 774 742. Ademais, potenciouse tamén  o servizo de voluntariado, con Cruz Vermella e os Servizos Sociais, ao que pode recorrer calquera veciño ou veciña que así o necesite, especialmente, aquelas persoas maiores, que vivan soas ou as que estean nunha situación de especial vulnerabilidade. Neste sentido, o Concello fai un chamamento para que a veciñanza que detecte algún caso no que “algunha persoa necesite axuda ou colaboración ante a situación extraordinaria que se está vivindo se poña en contacto cos Servizos Sociais no teléfono 981 770 707 a calquera hora do día ou ben ao teléfono de atención 981 774 742”.

Reforzouse o servizo de teleasistencia por se hai circunstancias especiais dalgunha persoa que o poida necesitar e os servizos de acompañamento de persoas que vivan soas e poidan necesitalo para desprazarse ao centro de saúde para recibir tratamentos como o sintrón.