As obras de transformación da rúa Mariña e varias prazas da Ribeira entran na súa última fase

350

As obras de mellora da rúa Mariña e varias prazas do barrio da Ribeira entran na súa última fase. Nestes momentos atópase executado tres cuartos do proxecto que se centra agora na praza Paio Formoso, unha vez concluídas grande parte das actuacións no tramo da rúa Mariña con Manuel Naveira. A alcaldesa, María Barral, xunto ao concelleiro de Infraestruturas, Diego Fernández, visitou a zona na que se inviste máis de 237 000 euros cun obxectivo: “darlle un cambio ás infraestruturas do barrio, reformando, en varias fases, as rúas, prazas e servizos da Ribeira, nun dos barrios máis importantes de Betanzos queremos completar con novos proxectos que xa estamos a preparar”.

A primeira edil intercambiou opinións coa veciñanza que amosou a súa satisfacción por esta actuación e que “nos suxeriron algúns pequenos detalles que imos ter en conta cando se acaban os traballos, especialmente canto a dotación de mobiliario urbano”.

O proxecto contempla a mellora de urbanización e de servizos da praza Paio Formoso e a rúa Mariña ata a rúa Manuel Naveira, procedéndose á reorganización das dúas prazas incluídas no ámbito de actuación e á súa recuperación como espazos destinados ao lecer e descanso da poboación.  A primeira edil explicou que despois do proxecto que levou a cabo en toda a banda litoral do barrio, ao longo do Malecón, agora a intención é “ir executando proxectos que dean un aspecto novo ao barrio, mellorando tanto rúas como pequenos espazos públicos interiores”.

As obras inclúen as dúas prazas, a renovación do pavimento en todo o ámbito, a substitución das canalizacións de recollida de augas residuais, pluviais e abastecemento de auga naqueles tramos que non fosen renovadas e a execución dunha nova iluminación en ambas as prazas.

Na praza Paio Formoso, resérvase para o ámbito peonil o acceso directo fronte ao paseo Antolín Faraldo, e desprázase o acceso rodado ao Malecón, fronte ao río. Con isto obtense un espazo protexido do automóbil, no que poder colocar bancos e zonas axardinadas e conseguir así espazos íntimos onde poder estar. As árbores definen o perímetro da zona de praza, conseguen sombras, e integran os aparcadoiros que se propoñen.

Na praza do edificio Matadoiro, para realzalo e crear así mesmo un lugar de uso e estadía, colócase a beirarrúa de granito xunto ao peche do matadoiro que disuada de aparcar e permita o paso ao seu lado, e, na zona de ensanche, de novo uns bancos, mesas de xadrez e zonas de xardín, con flores e arbustos, que conformen un recuncho onde xogar e convivir.

Para a sección da rúa que é obxecto de renovación nas infraestruturas urbanas, proponse pavimentar de novo con plataforma única cun carril central de formigón de 2,40 m de ancho e dúas franxas laterais, pegadas ás frontes construídas, de granito, que lle proporcione configuración de alfombra, resolva as irregularidades do trazado, e ao mesmo tempo permita racionalizar a colocación do conxunto de tapas de rexistro individuais das instalacións, de modo que calquera substitución ou actuación nelas non afecte o pavimento continuo do centro da rúa.

En ambas as prazas, as zonas de estadía definidas polas zonas axardinadas e de bancos, resáltanse tamén cun pavimento de laxas de granito silvestre de 6 cm de espesor e a execución dunha nova iluminación pública. No resto da superficie das zonas peonís realizarase un pavimento de formigón lavado.