Exposicións das Letras Galegas arredor de Xela Arias

447

Entre o 10 e 23 de maio o Concello de Betanzos poderanse visitar na Sala de exposicións do edificio Arquivo a colección de debuxos participantes no IX Concurso de carteis das Letras, cuxa entrega de premios terá lugar o vindeiro venres 14 ás 19:30 h no Salón azul, e mais a exposición “Xela Arias. Asinamos ser libres” da Secretaría Xeral de Política Lingúística da Xunta de Galicia.


Esta exposición da SXPL coordinada por María Xesús Nogueira, mostra a través dos seus 12 paneis a infancia de Xela Arias, a súa adolescencia rebelde, os seus primeiros textos poéticos, aconexión da súa poesía coa cultura e a sociedade do seu tempo (a literatura, a música, a fotografía, o activismo político…), o seu labor como tradutora, a experiencia da maternidade plasmada en Darío a diario, o seu último poemario Intempériome, o seu pasamento repentino e o seu legado.

A maiores da exposición, poderanse visualizar diversas fotografías inéditas de Xela Arias que a súa familia puxo a dispor do Seminario Galán e da Secretaría Xeral de Política Lingüística e varios documentais como “Xela Arias e a palabra” do Consello da Cultura Galega e a serie de documentais “Xela Arias e a palabra esgazada” da Real Academia Galega.

Estas actividades forman parte do programa das Letras Galegas 2021 do Concello de Betanzos e poderanse visitar na Sala de exposicións do edificio Arquivo entre o 10 e o 23 de maio en horario de 10:00 h a 14:00 h e de 19:00 h a 21:00 h os días laborables e de 11:30 h a 14:00 h os sábados.