As oficinas municipais permanecerán pechadas

564

As oficinas municipais permanecerán pechadas e solicítaselle á veciñanza o uso da tramitación en liña, ademais habilítanse teléfonos de atención ao público en horario de mañá e tarde

O Concello publicou un novo Decreto pola situación xerada pola evolución do coronavirus Covid-19. Esta situación  supuxo a adopción de medidas de contención extraordinarias polas autoridades de saúde pública que inclúen, entre outras, o peche de centros educativos e de atención a persoas maiores.

Adicionalmente requírese a adopción doutras medidas que aúnen a protección da saúde das empregadas e empregados públicos coa adecuada prestación dos servizos públicos.

Decreto de aprobación das medidas para adoptar nas dependencias Municipais con motivo do COVID-19 (quendas de persoal). VER

O goberno de España declarou o día 14 de marzo de 2020 o estado de alarma en todo o país durante quince días, que podería prorrogarse se fose preciso e cóntase coa autorización do Congreso de Deputados. A medida adoptouse para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo Covid-19.

O estado de alarma supón unha severa limitación dos desprazamentos e o peche dos establecementos comerciais. Así mesmo, as administracións públicas están obrigadas a facilitar medidas que favorezan o traballo dende as súas casas aos empregados e empregadas públicas na medida do posible, e sempre que sexa viable a prestación dos servizos públicos por medios non presenciais.

Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crisis sanitaria ocasionada polo COVID-19. VER

A Fegamp ditou o 15/03/2020 unhas instrucións para todos os concellos de Galicia. O ministro do interior ditou a Orde comunicada pola que se establecen criterios de actuación para as forzas e corpos de seguridade con relación ao Real decreto polo que se declara a situación de estado de alarma co fin de afrontar a situación de emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus Covid-19.

O Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19 publicado no BOE de 14 de marzo de 2020.

A Orde comunicada pola que se establecen criterios de actuación para as forzas e corpos de seguridade en relación co Real decreto polo que se declara a situación de estado de alarma co fin de afrontar a situación de emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus Covid-19

Consideracións

PRIMEIRA. Respectando o establecido no Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, resulta de aplicación o artigo 21.1 m) da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local que dispón como atribución da Alcaldía: m) adoptar persoalmente, e baixo a súa responsabilidade, en caso de catástrofe ou de infortunios públicos ou grave risco dos mesmos, as medidas necesarias e adecuadas dando conta inmediata ao Pleno.

É de aplicación, á vez, o artigo 41.8 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, aprobado por Real decreto 2568/1986, de 28 de novembro, que establece como atribución da Alcaldía:

Dirixir a policía urbana, rural, sanitaria, de subsistencia, de seguridade e circulación e de costumes, publicando ao efecto bandos, ordes ou circulares de instrucións.

SEGUNDA. De acordo coa proposta da Fegamp e de acordo co establecido no decreto polo que se declara o estado de alarma, o Concello de Betanzos adoptará medidas dende o 16 de marzo e ata o día 29 de marzo de 2020.

O Concello de Betanzos xa suspendeu temporalmente todas as actividades culturais, deportivas e sociais e o resto de actos e espectáculos públicos e festexos populares en recintos abertos e pechados que congreguen a persoas e ademais péchanse os parques, as prazas e o resto de espazos abertos de uso público do municipio.

Visto todo o que antecede, considérase que o expediente seguiu a tramitación establecida na lexislación aplicable e de conformidade co artigo 21 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, RESOLVO:

PRIMEIRO. Crear unha Comisión municipal de seguimento da evolución do Covid-19 que poderá estar formada polas seguintes persoas:

– A alcaldesa

– O primeiro e segundo tenente de alcalde

– O xefe da Policía Local

– O responsable dos servizos de emerxencia e Protección Civil

– A coordinadora de servizos sociais

– O secretario municipal

SEGUNDO. A comunicación co Concello debe realizarse de forma telemática a través da sede electrónica municipal ou vía telefónica a través dos teléfonos seguintes:

– Casa do Concello: 981 770 011

– Protección Civil: 981774742

– Policía: 981770602

– Servizos Sociais: 981770707

– Sede municipal: sede.betanzos.gal

– Rexistro electrónico común: https://rec.redsara.es/registro/action/are/acceso.do

TERCEIRO. En caso de que non se dispuxese de medios telemáticos e para aqueles supostos de urxencia, o Concello atenderá presencialmente logo da petición de cita telefónica, en horario de 09:00 h a 14:00 h.

CUARTO. Os servizos administrativos municipais funcionarán telematicamente e en equivalencia a servizos mínimos a porta pechada de 09:00 h a 14:00 h, e serán atendidos por unha persoa cada un dos seguintes servizos.

QUINTO. Dada a situación de crise sanitaria e tendo en conta o disposto polo goberno de España, a Policía Local e o servizo municipal de emerxencias e Protección Civil continuarán coa prestación dos respectivos servizos de xeito ordinario, que poderán ser reforzados cando a situación o requira.

Autorizase á xefatura da Policía Local a establecer unha instrución e a ditar as ordes necesarias para garantir o bo funcionamento do servizo, con proporcionalidade e respectando o establecino na Orde ministerial indicada nos antecedentes.

SEXTO. Os Servizos Sociais municipais, dado o seu carácter asistencial quedarán suxeitos no desenvolvemento do seu traballo aos protocolos establecidos polos/as responsables de área, facilitando sempre que se poida o teletraballo aos empregados e empregadas públicas que prestan servizo nestes departamentos.

SÉTIMO. O persoal municipal que non preste servizos dun modo presencial deberá estar dispoñible coa finalidade de prestar servizo telematicamente, sempre que fose posible ou reemprazar aos compañeiros cando fosen requiridos.

OITAVO. Quedan suspendidas as sesións periódicas ou ordinarias dos órganos colexiados municipais (Xunta de Goberno Local, Pleno da corporación, comisións informativas etc) a excepción da Comisión de seguimento do Covid-19 ou calquera outra que fose preciso realizar.

NOVENO. A Comisión de seguimento do Covid-19 estudará entre outros temas, a colaboración coas autoridades sanitarias, a atención a cidadanía, en especial ás persoas máis vulnerables, a suspensión de cobro de taxas, así como todos aqueles aprazamentos e fraccionamentos de taxas, impostos etc, que fose preciso levar a cabo para os sectores económicos afectados pola crise sanitaria ocasionada polo Covid-19.

DÉCIMO. Estas medidas iranse adaptando á situación epidemiolóxica de cada momento, e informarase de cada variación que se poida producir con respecto a estas.

UNDÉCIMO. Suspéndense os termos e interrómpense os prazos para a tramitación de todos os procedementos administrativos do Concello de Betanzos, así como os prazos de prescrición e caducidade, nos termos establecidos na disposición adicional terceira e cuarta do Real decreto 463/2020, de 14 de marzo.

DUODÉCIMO. Conforme ao artigo 7 do Real decreto 463/2020, de 14 de marzo, informamos á poboación das limitacións á liberdade de circulación de persoas que se transcribe literalmente:

  1. Durante a vixencia do estado de alarma as persoas unicamente poderán circular polas vías de uso público para a realización das seguintes actividades:
  2. a) Adquisición de alimentos, produtos farmacéuticos e de primeira necesidade.
  3. b) Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.
  4. c) Desprazamento ao lugar de traballo para efectuar a súa prestación laboral, profesional ou empresarial.
  5. d) Retorno ao lugar de residencia habitual.
  6. e) Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
  7. f) Desprazamento a entidades financeiras e de seguros.
  8. g) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
  9. h) Calquera outra actividade de análoga natureza que haberá de facerse individualmente, salvo que se acompañe a persoas con discapacidade ou por outra causa xustificada.
  10. Igualmente, permitirase a circulación de vehículos particulares polas vías de uso público para a realización das actividades referidas no apartado anterior ou para a reposición en gasolineiras ou estacións de servizo.
  11. En todo caso, en calquera desprazamento deberán respectarse as recomendacións e obrigacións ditadas polas autoridades sanitarias.
  12. O Ministro do Interior poderá acordar o peche á circulación de estradas ou tramos delas por razóns de saúde pública, seguridade ou fluidez do tráfico ou a restrición nelas do acceso de determinados vehículos polos mesmos motivos.
  13. Cando as medidas ás que se refiren os parágrafos anteriores se adopte de oficio informarase previamente ás administracións autonómicas que exercen competencias de execución da lexislación do Estado en materia de tráfico, circulación de vehículos e seguridade viaria.
  14. As autoridades estatais, autonómicas e locais competentes en materia de tráfico, circulación de vehículos e seguridade viaria garantirán a divulgación entre a poboación das medidas que poidan afectar o tráfico rodado.