Comunicado oficial da alcaldesa, María Barral Varela

1406

Veciñas e veciños de Betanzos:

Veñen tempos complexos ante a crise sanitaria que estamos a vivir. Na historia recente de Galicia, e de Betanzos máis concretamente, nunca lidiaramos cunha situación así, que cambia a cada momento, e temos que ter a capacidade inmediata de adaptarnos ao contexto.

Por iso, quero, en primeiro lugar, darvos as grazas a todos os betanceiros e betanceiras por todo o esforzo que estades a facer co fin de evitar a propagación do coronavirus e mandarvos unha mensaxe de tranquilidade. A nosa cidade sempre ten sido exemplo de solidariedade, unidade, colaboración e unión. E estou segura que hoxe non vai ser menos. O futuro depende exclusivamente de todas e todos nós. Por iso, creo que é prioritario que sigamos os consellos e as recomendacións do Ministerio de Sanidade e do Sergas. Con todo, facilitaremos as condición das persoas que si teñen que seguir traballando, garantindonos os servizos mínimos.

Temos que frear a expansión do COVID-19, e minimizar o seu impacto, que como sabedes fai especialmente vulnerable á poboación en risco. Por elas e eles, pero tamén por todos nós e os nosos, quedemos na casa porque con elo estamos dicindolle a este virus: non, con nós non vas poder.

Aos nosos maiores, as persoas que tedes patoloxías crónicas, que según as fontes oficiais, sodes a poboación máis sensible, quero darvos moito ánimo, e pedirvos que sigades as recomendacións sanitarias, que evitedes o contacto con outras persoas porque non queremos que vos contaxiedes e a única forma de evitalo é disminuindo o contacto social. Só en casos nos que non quede máis remedio ou cando verdadeiramente o necesitedes. Quedando na casa estamos cerrando as portas ao virus.

Dende o Concello a través de Servizos Sociais e coa colaboración de Cruz Vermella , a quen lle quero dar as grazas de antemán, iniciaremos nas vindeiras horas un programa para poder prestar servizos á xente que o necesite e viva soa. Desenvolveremos, ademais, outra serie de medidas excepcionais que se irán poñendo en marcha desde mañá de forma paulatina, dentro dos medios cos que conta o Concello.

Tedes á vosa disposición o teléfono de información para, no caso de presentar algún tipo de síntoma, chamar ao 900 400 116. Evitemos, na medida do posible, colapsar as liñas do 061 e do 112.

Quero facer un chamamento a todas as persoas que están a dedicar todo o seu tempo a axudar. Persoal de sanidade, doutores e doutoras, enfermeiros e enfermeiras, celadores e celadoras, persoal de recepción dos hospitais… voluntarios de Cruz Vermella, Protección Civil, corpos de seguridade….Pero tamén ás persoas que estades traballando nas tendas de abastecemento, as que o facedes nas de primeira necesidade, ao persoal de seguridade, de Correos…. A todos e todas, grazas de corazón. Tamén ao comercio. Aos que abren para axudar, pero tamén aos que pechan para facelo.

Fuchedes, sodes e seredes unha parte enorme do sustento da nosa sociedade. E os betanceiros e betanceiras imos colaborar con vós para frear isto. Grazas a todas e todos polos vosos xestos, por remar nunha única dirección. É o único que nos ocupa nestes momentos. Betanzos é e será un exemplo nesta crise sanitaria, económica, social e global.

Seguiremos informando en todo momento a través das redes sociais do Concello e na web municipal de cantas novedades se produzan. Frear esta pandemia é posible, e conseguirémolo.

 

 

María Barral Varela,
Alcaldesa de Betanzos
Betanzos, 15 de marzo de 2020