O Concello compensará as taxas correspondentes ao Conservatorio, a Escola de folclore e a Escola infantil

596
Escola infantil municipal “Santiago de la Fuente”

O goberno local compensará as taxas correspondentes ao Conservatorio Municipal de Música, á Escola de folclore e á Escola infantil municipal ante a afectación do Covid-19. É unha primeira medida, segundo explicou a alcaldesa, María Barral, doutras accións que se van a levar a cabo por parte do Concello como consecuencia da crise sanitaria.

A primeira edil explicou que o seguinte paso será estudar a fórmula de compensar aos usuarios e usuarias doutros servizos que son municipais mais prestados por distintas empresas como o comedor escolar ou as instalacións deportivas. María Barral indicou, ademais, que o Decreto de Alcaldía marca tamén como prioridade a atención a persoas dependentes por parte da empresa de axuda domicilio que terá que prestarse “ao 100% dos usuarios e usuarias agás a renuncia expresa dalgunha familia”.

Ademais, desde a Alcaldía incidiuse ante os departamentos de Intervención e Tesouraría na necesidade de axilizar os pagamentos a provedores e que as facturas que se rexistren vía telemática sexan conformadas de forma excepcional pola Alcaldía ou o concelleiro delegado correspondente co fin tamén de prexudicar o menos posible aos provedores.

No mesmo Decreto, a alcaldía fixou os servizos mínimos municipais que estarán formados polos departamentos de Rexistro, Intervención e Tesouraría, Urbanismo, Informática, Persoal, Servizos Sociais e a propia Alcaldía.

O servizo de limpeza viaria realizará o seu traballo, de forma habitual, xa que o goberno local considera sumamente necesario a súa prestación. Canto ao resto de servizos municipais os traballadores e traballadoras estarán dispoñibles en todo momento, presencial ou telematicamente de acordo co ordenado polo concelleiro delegado en cada caso concreto.

O teléfono do Concello quedará habilitado tamén en horario de mañá e tarde no 981 770 011.