Betanzos advirte que tomará medidas contra os ambulantes que  non recollan os residuos xerados nos seus postos ao terminar as feiras.

79
Estado de sucidade no que quedou a praza García Irmáns ao rematar a feira do día 1
“Non imos consentir que os responsables dos postos de venda deixen a praza como a deixaron onte, aplicaremos a ordenanza e se seguen sen cumprir coas súas obrigacións poderían perder o posto”. Así de contundente mostrouse o concelleiro de Servizos, Andrés Hermida, tras o estado de sucidade no que quedou a praza García Irmáns como consecuencia da celebración da feira de Todos os Santos.


A pesar de que se trata dunha das feiras máis importantes de cantas se celebran ao ano, e por tanto que máis residuos xera, en moitas partes da praza apareceron restos de cartóns, bolsas e outros refugallos dos propios vendedores ou responsables de postos “nunha imaxe moi negativa e impropia da feira”.


Os vendedores ambulantes dispoñen de 16 contedores de residuos para depositar os restos da feira e deles máis da metade estaban baleiros ao finalizar a mesma mentres que o lixo apiñábase ao longo da praza, especialmente de cartóns e plásticos.


Ante esta situación, o goberno local notificará aos vendedores na próxima feira para que recollan os restos que queden na contorna do seu posto á conclusión da xornada e deixen o espazo ocupado nas mesmas condicións que llo atoparon cando colocaron a mercadoría para a súa venda.  En todo caso de que volvan producirse feitos como os de onte notificarase e sancionará aos responsables.


Limpeza zona lecer


Os servizos municipais de limpeza tiveron que ser reforzados tanto para a limpeza da praza como para efectuar traballos na zona de Rosalía Castro. Á marxe das actuacións en materia de seguridade, ruídos e horarios que se determinen por parte do Concello, neste caso que tomarán tamén medidas, en base á ordenanza municipal de limpeza, sobre os establecementos hostaleiros que xeraron esta acumulación de residuos na rúa e que tiveron que ser retirados á primeira hora da mañá polos servizos municipais.