Betanzos asina o convenio para recibir un millón de euros para actuacións no casco histórico dos fondos do Plan de Recuperación e Resilencia do Estado

31
Praza de Fernán Pérez Andrade "O Bo" situada no casco histórico de Betanzos

O Concello asinou co Turismo de Galicia o convenio para dispor do millón de euros concedido na convocatoria extraordinaria do Plan Nacional do Goberno de España dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia na liña de investimento do Programa de Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos.

O Concello concorreu á convocatoria extraordinaria do Plan Nacional, presentando un proxecto baixo o título de “Plan de Sustentabilidade Turística Casco Histórico de Betanzos: O pasado como motor de futuro sostible” sendo unha das categorías de destino recollidas na convocatoria e establecendo o investimento mínimo por eixes que recolle a convocatoria.

A dita proposta foi valorada tanto pola Axencia de Turismo de Galicia, como pola Secretaria de Estado de Turismo, e obtivo unha nota superior a 70 sobre 100 con base aos criterios de valoración sendo aprobado e formando parte do plan Territorial de Sustentabilidade Turística de Galicia.

A través deste proxecto, o Concello levará a cabo diversas actuacións no centro histórico para as que lle foi concedida un millón de euros. Entre elas, inclúe un centro de interpretación e unha rede de rutas temáticas e rutas guiadas interpretativas. Un segundo eixe do proxecto centrarase na dotación de bicicletas eléctricas para facer as rutas e cargadores eléctricos e puntos de recarga ademais da instalación de iluminación eficiente, un terceiro eixe de actuacións en materia dixital cun plan de sinalización intelixente e un cuarto e último eixe de potenciación de produto turístico.