Betanzos recupera o programa de rutas turísticas polo Mandeo na embarcación municipal “Diana Cazadora”

186

O Concello recupera o programa de rutas turísticas a bordo da embarcación municipal Diana Cazadora para o público en xeral con desprazamentos polo río Mandeo os martes e xoves, con horarios que dependerán das mareas. Iso si, non estará dispoñible os días da Feira Medieval, e do 14 ao 25 de agosto coincidindo coas festas patronais.

A embarcación parte todos os martes e xoves, ás 11:00 h ou ás 17:00 h, dependendo do día,  desde o Paseo da Tolerancia. A primeira viaxe o dóa 20 de xuño.

Ao longo do percorrido, dunha hora e media,  os e as participantes coñecerán aspectos da fauna e flora, a historia da cidade vinculada ao río; o cultivo do viño e distintos aspectos da Reserva da Biosfera, ata o campo de Os Caneiros.

 

A embarcación dará a volta cara a Betanzos, sen parar no campo, xa que non está incluída a visita a este.

As persoas que estean interesadas deberán dirixirse á Oficina de Turismo para cubrir a inscrición e pagar as cotas das actividades.  O prezo da viaxe é de 5 euros para persoas adultas e 1 euro para nenos e nenas de catro a doce anos e o pagamento deberá realizarse en efectivo. Os e as menores de 4 anos poderán viaxar gratis. A capacidade máxima da viaxe será de 55 persoas. Para realizar a viaxe precísase un número mínimo de 10 persoas.

As persoas interesados poden inscribirse na Oficina de turismo, por Whatsapp no número 638 54 31 69, no enderezo electrónico [email protected] ou ben recibir máis información no teléfono 981 776 666.