Betanzos sacou a licitación as obras de substitución de luminarias. En total investiranse 539.841,65 euros financiados dentro do programa operativo Feder, da Unión Europea, de crecemento sustentable 2014-2020 con subvencións directas a proxectos singulares de entidades locais.

As empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata a media noite do día 29 deste mes. A través do proxecto executaranse traballos en rúas do núcleo urbano; principais vías de saída do núcleo urbano en dirección a Ferrol, Angustias, e Infesta; e estradas en dirección a Oza, Paderne e Sada. A actuación consiste na substitución de 662 luminarias convencionais por outras de tecnoloxía  led, que se traduce nunha redución anual do consumo de energia do 76% do consumo actual dese conxunto de luminarias.

O proxecto inclúe tamén actuacións complementarias necesarias para a adecuación das instalacións ao regulamento  electrotécnico para baixa tensión e para garantir o bo funcionamento das luminarias  led. Neste sentido, prevense catro actuacións dentro do proxecto. A substitución das luminarias por tecnoloxía  led, a substitución de centros de mando e unha reforma da instalación eléctrica que afecta o cableado e as tomas de terra.

Un proxecto que se completará con outro investimento de máis dun millón de euros en mellora do sistema de iluminación pública a través doutra axuda da Unión Europea. Este millón de euros, do que a Unión Europea achegará o 80%, é dicir, uns 830.000 euros, inclúe  actuacións de renovación das instalacións de alumbrado público, iluminación pública e sinalización pública exterior para mellorar a súa eficiencia enerxética e a consecuente redución das emisións de dióxido de carbono.  Nesta  fase substituiranse a totalidade das luminarias do centro histórico, das parroquias de  Piadela e  Requián, así como parques e outras rúas da zona urbana.  A actuación principal consiste na substitución de 1.033 luminarias convencionais por outras con tecnoloxía LED. Isto tradúcese nunha redución anual do consumo de enerxía de 326,229.79  kWh, que supón o 59% do consumo actual dese conxunto de luminarias. Este aforro, pola rebaixa de potencia, non afectará, con todo, ao fluxo luminoso que será similar ou, mesmo, superior ao actual.

Inclúense tamén actuacións complementarias necesarias para a adecuación das instalacións ao Regulamento  electrotécnico para baixa tensión (REBT) e para garantir o bo funcionamento das luminarias LED. Por iso, será  preciso reformar centros de mando e substituír outros. Mediante a actuación substituiranse 1.033 luminarias convencionais por luminarias con tecnoloxía LED de potencia moi inferior pero que achegarán un fluxo luminoso similar. Construiranse canalizacións subterráneas e arquetas en tramos onde se considera necesario; novos circuítos eléctricos aéreos, tensado sobre postes, ou subterráneos.

Estes dous proxectos subvencionados pola Unión Europea súmanse a outras actuacións en materia de aforro enerxético levadas a cabo polo goberno local. As últimas, a mellora de seguridade viaria de 40 pasos de peóns en distintas zonas da cidade a través dunha nova iluminación  led, especial para este tipo de sinalización, dentro dun proxecto que inclúe a substitución doutras 281 luminarias en varias zonas da cidade con tecnoloxía  led. En total investíronse algo máis de 190.000 euros  incluídos nun dos plans da Deputación Provincial no que ademais das luminarias,  substituíronse  os soportes, tanto columnas como brazos, que se atopaban en malas condicións; os centros de mandos en varias rúas así como novas columnas.