O concello de Betanzos pide que se eliminen as peaxes de Guísamo e Macenda

703

Betanzos buscará o apoio dos concellos do Consorcio das Mariñas para trasladarlle de maneira oficial ao Goberno o seu rexeitamento á subida da peaxe da AP-9 e pedir a supresión en Macenda e Guísamo ou, como mínimo, a implantación da gratuidade nas viaxes de volta como xa solicitou en anteriores ocasións. Denuncia o agravio comparativo que supoñen estas peaxes porque no 2020 vanse a liberalizar diferentes autoestradas do Estado.

A alcaldesa, María Barral, explicou que a petición será trasladada tamén á Fegamp, onde é vicepresidenta, para expresar non só o malestar que esta situación provoca en Betanzos e a súa comarca senón tamén noutras zonas de Galicia. No de Betanzos, a peaxe subirá mesmo máis da media da AP-9, sendo o tramo que máis subirá ata o 3,2%, pasando a situarse nos 1,60 euros nos desprazamentos coa Coruña.

A primeira edil considera que as peaxes e o seu incremento para este ano afecta ten un impacto directo sobre a economía local de Betanzos e de toda a súa comarca que está condenada aguantar até o ano 2048. Considera que a situación é consecuencia dunha política nefasta de todos os gobernos, pero especialmente do Partido Popular, que asinou a prórroga até 2048.

A alcaldesa considera que, como xa se trasladou no seu momento ao Goberno, os concellos “desta zona necesitamos unha autoestrada libre de peaxe como principal vía de entrada e saída da cidade,
para reducir o número de vehículos que diariamente circulan pola N-VI”. Neste sentido, insiste en que a medida “suporía menos accidentes de tráfico e reduciría de forma notabilísima os atascos
que se producen en diferentes puntos da N-VIN, hoxe convertida entre Betanzos e A Coruña, polas súas características, nunha vía urbana, non nunha estrada nacional”.

Considera xustas as reivindicacións que se están facendo por parte dalgúns municipios para mellorar a seguridade da N-VI mais coida que chegou o momento “de dar un paso máis e e insistir desde varias frontes na necesidade de que o tramo entre Guísamo e A Coruña ou Macenda e A Coruña sexa gratuíto ou, como mínimo, o sexa a viaxe de volta”.