Betanzos destina uns 500 000 euros para renovar a rede de saneamento canalizada polo Mendo entre As Cascas e o Carregal

701

O goberno local sacou a contratación as obras do proxecto incluído no Plan Único POS+ 2019 correspondente á reordenación do saneamento na marxe do río Mendo entre a ponte das Cascas e a ponte do Carregal, no que se investirán cerca de 500 000 euros. Trátase dunha actuación coa que o Concello pretende completar diversos traballos en materia de saneamento que levou a cabo nos últimos anos executando “unha obra que resulta clave para esta rede e unha das máis importantes levadas a cabo no Concello”, segundo explicou a alcaldesa María Barral.

O obxectivo é renovar o colector que se proxecta ao longo do río Mendo, unha instalación antiga que ven de sufrir tanto a deterioración do tempo, coma o repise dos terreos nos que se atopa aloxado e mesmo roturas accidentais causadas pola navegación neste tramo de río desde a ponte das Cascas ata o fondo da ría. O estado desta instalación non garante a durabilidade que calquera actuación parcial puidese achegar, ademais de que ao atoparse o colector na súa maior parte en terreos privados, fai inviable o seu correcto mantemento.

As obras, segundo indicou  María Barral, consistirán basicamente na execución dun cambio de trazado na impulsión do colector das Cascas. Neste novo trazado haberá que integrar servizos da Avenida Jesús García Naveira. Tamén se incluirá un novo pozo de bombeo de Bartolomé Cossío dotado con tres bombas; construción dun tanque de tormentas; execución dunha impulsión na marxe esquerda que conectará, de forma subterránea, coa ponte do Carregal, desembocando na rede existente augas abaixo. Con esta configuración, sen pozos e aloxada nunha gabia fóra do alcance da marea e do medre máximo do río, conseguimos anular todos as verteduras que puidesen darse nese tramo.