Betanzos amplía a todo o verán o servizo gratuíto de bus á praia

516
Praia grande de MIño

O Concello de Betanzos pon en marcha, por segundo ano consecutivo, o servizo de autobús gratuíto á praia. Despois do éxito que obtivo na pasada tempada estival, o Consistorio dálle continuidade á prestación, que nesta ocasión estará operativa desde o 2 de xullo ata o comezo do curso escolar en setembro.

“O ano pasado máis de 500 persoas empregaron este autobús para acudir á praia de Miño. Ante esta boa aceptación por parte da veciñanza, este ano comezamos antes ou servizo, ampliando a súa duración a dous meses e medio”, indicou a alcaldesa do municipio, María Barral.

O bus estará operativo os luns, mércores e venres cun único horario, con saída desde a zona do palco da música ás 15:15 h e regreso desde a praia de Miño ás 19:30 h. O funcionamento do servizo nos días sinalados estará condicionado á situación meteorolóxica.

A alcaldesa apelou “á responsabilidade individual e colectiva,  e prégovos que fagades uso da máscara  e manteñades un certo distanciamento social para manter a raia ao virus”.