Betanzos investirá arredor de 300.000 euros na renovación de rúa Pintor Seijo Rubio

692
O Concello abriu ao tráfico as rúas Tomás Dapena e Alcalde Beccaría

O Concello licitará, dentro do plan de renovación de rúas e servizos, a mellora da rúa Pintor Seijo Rubio. O custo será de 254.988,35 euros e está incluído dentro do POS+2019. O proxecto inclúe a substitución de rede de sumidoiros e a recollida de pluviais. Á súa vez, renovaranse as beirarrúas e os pasos de peóns da rúa do mesmo xeito que se fixo nos proxectos das rúas Venezuela, Alcalde Beccaría ou Alcalde Tomás Dapena. Como consecuencia da optimización de trazado das beirarrúas, exponse ademais a preinstalación de conducións e arquetas para a futura instalación dun sistema de iluminación.

Anchearanse as beirarrúas, mellorarase o seu trazado e proxectaranse ensanches para os pasos de peóns. Repintaranse os sinais do chan e o equipamento urbano existente de maneira homoxénea. Substituiranse todas as tapas das instalacións e reporanse os elementos afectados polo paso do tempo.

Por outra banda, delimitarase a zona de aparcadoiro, así como o aproveitamento das beirarrúas para o novo trazado dos pasos de peóns. Eliminaranse as barreiras arquitectónicas para persoas con mobilidade reducida. Reporase a sinalización viaria por completo, incluíndo a anteriormente citada área de aparcadoiro. Serán instaladas papeleiras e bolardos fixos.

O firme renovarase para dar paso a un máis consistente e homoxéneo en todo o seu conxunto, co que se aumentará a seguridade viaria tanto dos peóns como dos condutores.

Apertura ao tráfico

O Concello abriu ao tráfico as rúas Tomás Dapena e Alcalde Beccaría, unha vez finalizados os traballos de sinalización destas dúas rúas. Os traballos realizáronse a través dun plan provincial e neles investíronse máis de 150 000 euros, levouse a cabo a rehabilitación integral das beirarrúas, sen producir modificacións na súa anchura, agás nos ensanches proxectados para os pasos de peóns, actuando en pavimentos, renovación do trazado da rede municipal de abastecemento de auga, saneamento en tramos localizados e substitución de pintados, sinalización e equipamento urbano.