Betanzos celebrou unha nova edición do Caneiros en familia. Galería de imaxes.

972

O Concello celebrou o pasado 6 de agosto os Caneiros en familia, unha romaría organizada coa idea de promover unha xira para que os betanceiros e as betanceiras gocen dun día especial, subindo ata Os Caneiros en embarcacións ou a pé e logo alí xantar no campo, á beira do Mandeo, coas viandas que os propios romeus levan. Unha celebración que, especialmente os mozos e as mozas, non puideron gozar durante estes anos como facía antigamente.

O Concello recuperou esta actividade despois do parón provocado pola Covid durante estes dous últimos anos. Do mesmo xeito que nas edicións anteriores, establecéranse viaxes desde o embarcadoiro da Tolerancia ata o campo dos Caneiros na embarcación municipal Diana Cazadora.

As prazas, 55 en cada viaxe, cubríronse por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no municipio. As viaxes de subida ao campo foron ás 11:30 h, 13:00 h e 14:30 h, mentres que os de baixada ás 19:00 h, 20:00 h e 21:00 h.

Tamén “se apuntaron á romaría” outras moitas lanchas de Betanzos que deron mostra de como deben celebrarse as xiras dos días 18 e 25, para que o día de Caneiros en familia sexa tomado como exemplo do que deben ser esas dúas xiras”.

O Concello organizou de novo esta cita para difundir e inculcar “os valores e tradicións características desta romaría”. O obxectivo non foi outro que seguir dando pasos para evitar que se desvirtúe a romaría, un propósito do conxunto de entidades do municipio e dos diferentes partidos políticos.