Betanzos presenta un novo plan de igualdade con 25 obxectivos entre 2023-2026 tras o éxito no últimos tres anos nos que se cumpriron o 98% das medidas propostas

345
A alcaldesa María Barral na presentación do IV plan de igualdade no salón azul do edificio Liceo

Betanzos presentou, o pasado xoves 8 de marzo, o seu  IV Plan de Igualdade 2023-2026.

Trátase da folla de roteiro en materia de igualdade do próximos catro anos do Concello, cunha especial atención aos colectivos máis vulnerables e aos principais retos que “temos como sociedade para conseguir a verdadeira equidade, como son a corresponsabilidade nos coidados, a conciliación da vida laboral e familiar e a loita contra a violencia de xénero”, segundo explicou durante a presentación do documento a alcaldesa, María Barral.

A primeira edil indicou que unha vez finalizado o III Plan de Igualdade, entre 2017-2021, e realizada a avaliación correspondente na que se observou un grao de cumprimento das medidas incluídas no plan de ata un 98%, no ano 2022 iniciouse o proceso de participación cidadá e de estudo de diagnóstico para a elaboración do cuarto plan.

Enmárcase nas políticas públicas que o Concello vén desenvolvendo co claro compromiso de conseguir esa igualdade entre mulleres e homes.

O plan consta de 25 obxectivos e 88 accións vertebradas en sete áreas de actuación: sensibilización e coeducación; apoderamento, participación e benestar; conciliación e corresponsabilidade; formación, emprego e novas tecnoloxías; compromiso coas violencias machistas; cultura e tempo de lecer, e compromiso coa transversalidade.

Este cuarto plan é tamén o resultado dun gran pacto social entre a administración local e os colectivos veciñais, xa que é un plan que conta coa participación e suxerencias do tecido asociativo e sociais, centros de ensino e poboación en xeral a través das ferramentas de participación cidadá.

Cada acción do plan levará aparellada unha ilustración na que se recollerá dunha forma gráfica o obxectivo da actuación.