O Concello de Betanzos publica a programación do mes da muller, dentro da campaña as mulleres somos moito.

236

En conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Betanzos lanza a campaña As mulleres somos moito, que estará activa durante todo o mes de marzo a través dunha programación especial.

A antesala desta campaña foi a realización a finais do mes de febreiro da actividade As mulleres que nos constrúen, coa colaboración dos centros de ensino de primaria, onde se realizou unha homenaxe ás mulleres das familias do alumnado.

No mes de marzo, levaranse a cabo actividades para todos os públicos, destacando os espectáculos Dona Emilia e a señora Carme, e Con Voz de Muller, para a rapazada, os días 7 e 10.

Ao tempo, para público xeral contarase co Roteiro Betanzos en Feminino, o sábado 11 ás 11:30; coa Exposición Chicas nuevas 24 horas, de Mabel Lozano, aberta do 24 de marzo ao 10 de abril na Sala de Exposicións Jesús Núñez; e co obradoiro Feminismos, traballo e vida. Dereito ao coidado, coidado con dereitos, programado para o luns 20 de marzo ás 17:00 horas

O domingo 12, entregaráselle a Ángela Fernández, do restaurante La Casilla, o Premio Úrsula Meléndez de Texeda no Salón Azul do Edificio Liceo. Ademais, como cada ano, o Concello de Betanzos entregará os distintivos Muller Emprendedora, que terán lugar o xoves 16 ás 20:30 horas.

Outras actividades programadas serán a presentación do IV Plan de Igualdade Municipal, o propio día 8, e a proxección A vida das mulleres: pasado, presente e futuro, realizado coas aportacións do alumnado do Obradoiro de Estimulación Cognitiva e Memoria, e que se difundirá a través das redes sociais municipais.

Así, a entidade local betanceira segue a traballar a reo para visibilizar o papel das mulleres nos distintos eidos da vida, e amosando o seu compromiso coas políticas públicas de igualdade.