Betanzos promove un xogo educativo para que o alumnado de Primaria coñezan de preto a riqueza cultural e histórica do centro histórico

362
A alcaldesa, María Barral e o concelleiro de educación Andrés Hermida, mantiveron un encontro, aula por aula, co alumnado do centro.

Coñece o teu casco. Con este título, o Concello presentoulle ao alumnado de quinto de educación primaria un xogo educativo composto por doce fichas que serán traballadas en plena rúa para que coñeza o valor do centro histórico no que viven “a súa riqueza cultural e histórica a través de fichas ilustradas e xogos realizadas polo betanceiro Xosé Tomás”, segundo explicou a alcaldesa, María Barral, que mantivo un encontro, aula por aula, co alumnado do centro.

A primeira das ilustracións é a do “Labirinto”, no que se presenta o centro histórico e as rutas que entre as súas rúas se poden facer. Proponse catro, da igrexa de Santiago á porta do Cristo; da igrexa de San Francisco a porta da Vila; da porta da ponte Nova á porta da ponte Vella e da Casa Núñez á igrexa de Santa María. Trátase dun percorrido no que o alumnado vai coñecer, en primeira persoa, a riqueza da zona pola que “seguramente pasearon en innumerables ocasións, e na que non percibiron todo o que nos ofrece, todo o valor que teñen as pedras que a compoñen”.

“O betancímetro” é outra das fichas educativas propostas. Unha das características do centro histórico é, sen ningunha dúbida, as súas rúas empinadas, “sempre se sobe ou se baixa” e con este xogo o alumnado poderá pescudar o ángulo destas pendentes. “A caza do tesouro”, proponlle aos escolares localizar, como investigadores, dez elementos moi característicos do centro histórico: un cabalo emblemático entre as ferraxarías, un reloxo, unha casa nunha praza “con nome de mercado en árabe”; un xabaril, símbolo dunha familia nobre, unha fonte situada no románico e o gótico; un cruceiro, ou un edificio, quizá o menos coñecido dos irmáns García Naveira, que foi Casa do Pobo, son algúns dos elementos que se propón a localizar.

“Intrusos fóra”, en dúas ilustracións nas que se reproducen o pazo de Lanzós e o pazo de Bendaña se “camuflaron varios erros”. O alumnado terá que situarse en fronte a estes dous edificios e localizar onde están as diferenzas entre a ilustración e a realidade.

Outra das propostas é “Casa Núñez”, cunha reprodución na que o alumnado poderá colorear este emblemático inmoble utilizando a técnica que máis lles guste, con lapis, rotuladores ou acuarelas… Seguindo este percorrido polo centro histórico, outro dos traballos que chamarán a atención dos escolares será o das superficies de, sen dúbida, outros dous referentes desta parte da cidade: as igrexas de San Francisco e Santa María. Neste xogo, anímase medir diferentes partes destas igrexas, cos pés, cunha cinta métrica ou a palmos, para logo poder responder a preguntas sobre canto mide ou que superficie ten a nave principal de San Francisco; a de Santa María; o seu lateral ou o muro que a rodea.

Os arcos tamén ten o seu protagonismo nas fichas. O de medio punto románico, o apuntado de estilo gótico e os seus exemplos nas construcións do casco como as igrexas ou as entradas á antiga muralla forman parte dos exemplos reflectidos na ficha, na que se lle pide ao alumnado que utilice o seu móbil para fotografar máis exemplos.

Tres fichas máis baixo o título “As dúas metades” da igrexa de Santa María, a Diana Cazadora e o pórtico da igrexa de Santiago completan a proposta educativa. Nelas o alumnado deberá completar, debuxando, a outra metade que falta de cada elemento coa técnica que queira.

O traballo conclúe co “paseo polo medievo” no que baixo unha serie de pistas se lle propón ao alumnado un novo percorrido pola igrexa de Santiago; os arcos das portas medievais, o sepulcro de Fernán Pérez de Andrade ou o calendario agrícola de Santa María.

O xogo conclúe cunha maqueta da Casa do Concello situada no centro histórico.