O Concello de Betanzos lanza polo 8m a campaña as muleres somos moito.

345

Co gallo do 8 de marzo, o Concello de Betanzos prepara unha campaña municipal propia, que leva por título As Mulleres Somos Moito.

Esta campaña estará centrada en poñer o foco no valor das mulleres, e en visibilizar as tarefas que aínda quedan pendentes no eido da igualdade; como son a corresponsabilidade nos coidados, as  fendas de xénero no emprego, o teito de cristal, ou as violencias machistas.

En días previos ao 8M, o Concello repartirá cartaces coa imaxe gráfica da campaña entre os establecementos betanceiros, e realizaranse as actividades coeducativas Anónimas e Referentes nos centros de ensino de primaria e secundaria.

O venres 4, na Aula de Cultura Xulio Cuns representarase o espectáculo teatral Tabú, da man da actriz Carmen Conde, e con música en vivo de Su Garrido Pombo. Comezará ás 20:00 horas e a entrada será de balde ata completar aforo.

O martes 8, son varias as actividades programadas. O Roteiro Betanzos en Feminino, con saída ás 10:30 da Oficina de Turismo; a Micropílula Datos sobre a situación das mulleres, que se poderá ver a través do Facebook Betanzos Igualdade; e a lectura do Manifesto Institucional 8M, que se realizará en liña nas redes sociais municipais, chegando así a máis sectores da poboación, e facilitando a conciliación.

O xoves 9 e o venres 10, terá lugar a narración oral Dámoslle a volta ao conto, a cargo de Raquel Queizás, nos centros de educación infantil.

As actividades polo 8M pechan con dous importantes premios, o Distintivo Muller Emprendedora 2021, que este ano se outorga a 11 mulleres que emprenderon durante ano anterior, e o Premio Úrsula Meléndez Texeda, que nesta anualidade ten como destinataria a Directiva da Asociación de Mulleres Rurais Liafail. O primeiro dos actos desenvolverase o venres 11 ás 20:30 na Aula de Cultura Xulio Cuns, e o segundo o domingo 20 ás 12:00 no Salón Azul.

O Concello de Betanzos continúa así, un ano máis, conmemorando o Mes da Muller, no seu compromiso coas políticas de igualdade.