O Concello impulsa a área de Urbanismo cun ambicioso plan de transformación dixital

304

O Concello de Betanzos comezou hai dous meses o seu particular proceso de transformación dixital, comezando pola área de Urbanismo. O alto volume de traballo que rexistra actualmente este servizo municipal require focalizar a transición da súa organización neste eido para dar unha resposta rápida no cumprimento da súa vocación de servizo público e proximidade aos seus veciños.

As primeiras tomas de contacto tiveron lugar o pasado mes de xaneiro. Estas sesións de traballo conxuntas entre responsables municipais e técnicos da Deputación da Coruña serviron para contextualizar o escenario operativo do concello. Un dos primeiros acordos tomados no marco destas reunións foi a programación e impartición de sesións de teleformación aos empregados públicos sobre TEDeC co obxectivo de resolver dúbidas sobre a súa operativa e dar a coñecer as novas funcionalidades e melloras das recentes actualizacións da plataforma.

Durante este mes desenvolveuse a toma de requisitos para as futuras implantacións, con especial orientación ás demandas e necesidades dos traballadores do servizo de Urbanismo. Os resultados deste proceso están a ser actualmente analizados polo equipo técnico do proxecto. Espérase que nas próximas semanas estea definido un plan de traballo para o Concello de Betanzos co obxectivo de axilizar os procedementos de carácter urbanístico e de situar á entidade entre as pioneiras da transformación dixital na provincia coruñesa.

Os equipos de Implantación e Transformación de Concello Dixital da Deputación da Coruña aliñáronse desde o principio coas necesidades actuais da entidade local para incorporar as novas funcionalidades demandadas á plataforma de tramitación TEDeC.