Betanzos renova o parque de xogos infantís do Vales Villamarín e volve reclamar a implicación da Xunta na mellora do edificio

147

O Concello ultima a renovación do parque de xogos infantís do colexio Vales Villamarín, unhas obras nas que se investirán uns 40.000 euros e que suporán a instalación de xogos e a renovación do pavimento con caucho corrido. Trátase dunha actuación que o Concello consideraba prioritaria para dada o estado de deterioración no que se atopaba o anterior parque, especialmente canto a pavimento polo desgaste do paso do tempo.

 

Os traballos, financiados polo Concello, concluirán nos próximos días. Instalaranse varias randeeiras, unha estrutura de xogos e reporase o valado do areeiro. Na zona de caucho tamén foron deseñados diversos xogos para buscar a participación dos máis pequenos e pequenas aproveitando que están situados nas zonas cubertas dos accesos ás aulas.

Estas obras completan outras levadas a cabo na zona coa creación de varios hortos urbanos que serán utilizados polo alumnado do colexio durante o curso.

Os traballos foron visitados pola alcaldesa, María Barral, quen aproveitou para reunirse coa dirección do centro e valorar outras cuestións que o Concello abordará nas instalacións, a pesar de que a competencia é da Xunta. A maiores, a primeira edil volveu incidir na “necesidade de que a Consellería de Educación programe nos orzamentos galegos as obras de reforma do colexio, na súa segunda fase e poder executar así a reforma non só das ventadas ou o illamento do edificio, senón tamén da zona do salón de actos no que agora non se poden programar actividades porque ten que utilizarse como comedor escolar”.

María Barral explicou que se trata dunhas obras longamente demandas e que “chegou o momento de que a Xunta as encare para completar a primeira fase do proxecto, realizado hai uns anos, e que supuxo unha importantísima mellora dunhas instalacións nas que estudan uns 800 alumnos e alumnas”. “Non podemos quedarnos de brazos cruzados. Un colexio como o Vales Villamarín non pode permanecer cunha parte arranxada e outra sen practicamente nin tocar. Con iso o único que está a facer a Xunta é discriminar a nenos e nenas de Betanzos tanto en relación con outros concellos ou colexios con moito menor número de alumnos e alumnas; como entre os escolares do propio centro, que perciben diferenza dependendo do lugar no que teñas clase dentro do edificio”. A primeira edil espera que tanto esta actuación como a do patio cuberto “se programen canto antes pola Consellería e aténdase unha reclamación longamente demandada polo goberno local e a comunidade educativa”.