Os actos vandálicos volven danar os aseos do parque do Pasatempo

175
Aseos do parque do Pasatempo

O Concello denunciou novas desfeitas nunha instalación pública, neste caso, nos aseos do parque do Pasatempo. Apareceron con pintadas, con accesorios rotos, sanitarios e portas deterioradas. Desde os servizos municipais realizouse o correspondente informe de danos e a través da Policía Local realizaranse as correspondentes denuncias.

Non é a primeira vez que o Concello se ve obrigado a pechar as instalacións ante danos vandálicos que supoñen un importante gasto para as arcas públicas. No caso do parque do Pasatempo afectoulle os aseos, mais nas últimas semanas denunciáronse pintadas tanto en edificios públicos como en inmobles particulares.

De feito, desde o Concello abríronse diversos expedientes sancionadores por pintadas contra bens públicos e estanse practicando outras denuncias.

Baños

Entre as instalacións máis danadas por vandalismo están os aseos públicos da praza dos Irmáns García Naveira. Uns, os situados na zona de Fonte de Unta tiveron que se pechados antes os continuos ataques vandálicos. Os outros, localizados nas inmediacións da Alameda tamén sufriron estes actos polo que o Concello decidiu clausuralos, aínda que acaba de adxudicar as obras de reforma destes nos que se instalará un aseo antivandálico, autolimpable, é dicir, contará cun sistema de peche automático e se autolimpará cada vez que sexa utilizado.

A intención do goberno local é estender este sistema a outros puntos da cidade, como o parque do Pasatempo.

Vertedoiros incontrolados

Outro dos puntos de control son os vertedoiros incontrolados. Nos últimos meses detectáronse varios puntos na zona rural, lugares próximos a vías municipais nos que se depositan restos de cascallos, electrodomésticos ou colchóns. Limpáronse ata unha decena puntos, moitos deles nas proximidades do polígono industrial.

Desde o Concello tamén se abriron expedientes sancionadores, aínda que, recoñécese que é “moi difícil poder chegar ás persoas responsables deste tipo de actos, algúns dos cales deixan ben ás claras a escasa conciencia que existe pola protección do medio ambiente, ao verter en zonas que distan moi pouca distancia do punto limpo que o Concello e o Consorcio teñen en Betanzos, por exemplo”.