Betanzos sancionará á anterior empresa concesionaria do servizo de axuda a domicilio por “cumprimento defectuoso” do contrato

760
O SAF é un servizo especialmente complexo e delicado dirixido a necesidades básicas de persoas dependentes

Betanzos levará a Pleno a imposición dunha sanción á anterior empresa concesionaria do servizo de axuda a domicilio por “cumprimento defectuoso do contrato” por unha cantidade de 17 558 euros. A proposta, presentada pola alcaldesa, María Barral, lembra que durante a prestación do servizo constan distintos informes técnicos comunicando irregularidades na prestación do servizo de axuda a domicilio por parte da empresa Tu mayor amigo. En setembro, o Concello adoptou a decisión de incoar expediente e a imposición de penalidades por cumprimento defectuoso do contrato.

A este expediente, a empresa presentou alegacións que no Pleno do próximo martes tamén se proporá a súa desestimación.

Con base aos informes elaborados polo persoal técnico municipal sobre irregularidades na prestación do servizo e tendo en conta que o dano efectivo que se lle causou ao Concello pola non correcta prestación deste nos termos establecidos no contrato, proporase unha sanción do 10% do servizo facturado nos meses nos que constataron irregularidades.

En outubro de 2018, a empresa facturou 36 018 euros; en novembro dese mesmo ano 36 497 euros; en decembro de 2018, 35 328 euros; en agosto de 2019, 35 014 euros e en setembro deste ano 32 725 euros. En todos estes meses producíronse problemas na prestación do servizo. O 10% da suma destas cantidades fixa a sanción en 17 558 euros, unha cantidade que se entende proporcionada ás irregularidades detectadas, tendo en conta que é un servizo esencial que afecta á saúde e necesidades básicas das persoas usuarias, que non poden valerse por si mesmas e nos que a falta de prestación do servizo ou as irregularidades se conceptúan dunha forma tal que é necesario sancionar.

O goberno local xa sacou a licitación, hai uns meses, un novo servizo, que está a piques de adxudicarse, para o que destinou máis de dous millóns de euros (para cubrir un contrato de dous anos).

Trátase dun proceso administrativo complexo polas cantidades económicas, que o converten no maior contrato que ten o Concello, a nivel de carga económica, o que fai que “a súa contratación e xestión administrativa deste, estea a levar un tempo maior ao desexado polo goberno local”.

O goberno local explicou que o servizo, coa nova empresa contratada mentres non se adxudica o novo, discorreu estes meses con normalidade despois dos problemas que se xeraron coa anterior adxudicataria, Tu mayor amigo, que decidiu abandonar a prestación o 1 de outubro en contra do criterio dos servizos xurídicos municipais que sostiñan que a empresa tiña obriga -existe xurisprudencia nese sentido- de mantelo nas mesmas condicións por un prazo de tres meses desde a finalización do contrato ata o 1 de xaneiro de 2020 ou a data na que entrase en vigor o novo contrato que está a piques de adxudicarse.