Betanzos levou ao Pleno de decembro o investimento para mellorar a planta de tratamento de auga potable con máis de 205 000 euros de fondos propios que se unirán ao millón de euros de Augas

576

O Concello levou a Pleno, do pasado 17 de decembro o convenio coa Xunta para o que destinará 205 118 euros de fondos propios para completar o investimento da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dun millón de euros ao proxecto de mellora do sistema de abastecemento de auga de Betanzos que inclúe unha serie de actuacións técnicas na planta de tratamento de auga para aumentar tanto a súa calidade como a cantidade de extracción.

Como se lembrará, en xullo de 2016 o Concello e Augas de Galicia asinaron un convenio que incluía a redacción do proxecto e a execución das actuacións incluídas neste para mellorar, entre outras cousas, a captación de auga e o tratamento, co fin de reducir os episodios de turbidez na auga que se producen, especialmente, en épocas de choivas tras un período de seca. O convenio incluía unha achega da Xunta dun millón de euros. Con todo, unha vez definidas as obras estas superarán a contía inicialmente prevista e que segundo as previsións que existían naquel momento (xullo de 2016) era máis que suficiente para desenvolver as actuacións.

A día de hoxe os traballos necesarios ascenden a 1.350.427 euros polo que Augas de Galicia pediu ao Concello que sexa o que financie os traballos e que “toda esta cantidade se plasmase na sinatura dunha addenda ao convenio asinado no seu día entre o Concello e a Xunta”.

A alcaldesa, María Barral, xa lle trasladou á propia conselleira de Infraestruturas a aceptación desta achega tendo en conta que se trata dunhas “obras necesarias e que o Concello considera prioritarias para mellorar a calidade da auga e evitar episodios de turbidez como o que estes días, novamente, están a detectarse nalgunhas zonas do municipio”. A primeira edil explicou que a pesar de que a achega, con fondos municipais, suporá “unha modificación dos plans de gasto e investimento do Concello, entendemos que debemos asumir para desbloquear un proxecto que é sumamente importante non só a curto senón a longo prazo en canto á mellora dos servizos básicos de abastecemento”.

As obras que se pretenden executar consisten na mellora do sistema de abastecemento co fin de incrementar a capacidade de regulación, optimizando tamén os procesos de potabilización. O obxectivo, segundo indicou a alcaldesa, é garantir un mellor sistema e que “os betanceiros e as betanceiras poidan ter auga en cantidade e calidade suficiente para satisfacer as demandas futuras”.

Os traballos financiaranse en varias anualidades. O Concello achegará en 2020 un total de 77 912 euros; e outros 127.205 euros para 2021. O resto será portado pola Xunta en varias anualidades, en 2020 de máis de 430.000 euros e en 2021 de máis de 870.000 euros, que se unirán aos 38.000 euros de 2018 e os 7136 euros deste ano.

A actuación permitirá, entre outras cousas, eliminar os problemas de turbidez da auga que se produce en determinadas épocas do ano a través dunha seria de obras na planta de tratamento e nos bombeos, con melloras no tratamento físico-químico; na capacidade de depuración e outra serie de “actuacións a nivel técnico”.