O Concello inclúe a renovación da rede de semáforos da cidade no Plan Único 2020 da Deputación no que tamén mellorará a avenida Fraga Iribarne e os soportais de Fonte de Unta

613
Avenida Fraga Iribarne en Betanzos

O goberno local levará a pleno, hoxe martes, a súa proposta para o Plan Único POS +2020 e o que se prevé un investimento de 564 405 euros. Deles, a Deputación achegará 461 696 euros mentres que o Concello 102 561 euros. Na relación de obras que esta mañá presentou a alcaldesa, María Barral, destaca a mellora da seguridade da avenida Fraga Iribarne na que se proxectan varias actuacións. Por unha banda, a mellora do pavimento entre a rotonda das Cascas e a rotonda do centro de saúde, unha obra coa que se pretende incrementar a seguridade dun tramo que ten unha alta densidade de tráfico. Tamén está prevista a construción dunha nova rotonda, que sería a terceira desta avenida, no cruzamento da rúa Juan García Naveira coa propia avenida Fraga Iribarne, para dar unha maior fluidez de tráfico aos vehículos que circulan cara ao Pasatempo. Neste caso, suprimiranse os semáforos deste cruzamento.

Outra dos proxectos é a substitución de toda a rede semafórica da cidade. Unha rede que, debido ao paso do tempo, sofre, en ocasións, problemas. “O obxectivo é renovar toda a rede para evitar eses problemas e adaptala a tecnoloxía actual”, explicou a primeira edil.

Entre as obras que se inclúen no POS está tamén un proxecto que incluirá unha nova pavimentación con granito; a eliminación dos actuais desniveis; unha nova rede de saneamento e abastecemento de auga, ademais da iluminación e a eliminación das conducións de cableado aéreo.

As obras suporán unha importante mellora da zona, encadrada dentro do centro histórico, seguindo a liña de actuación executada noutras rúas como da Cerca ou Fonte de Unta.

Ademais mellórase a porta medieval da rúa da Cerca, o coñecido como arco da Ponte Vella, na que tamén se eliminará o cableado e acondicionará o pavimento.

Por último, melloraranse tamén os baños públicos da rúa Sánchez Taibo, os situados á beira do edificio dos xulgados. levará a cabo unha reforma integral destes, nos que se porá en marcha un sistema de aseos autolimpables.

O pleno de mañá tamén tratará a sanción de máis de 17 000 euros á empresa Tu mayor amigo polos problemas derivados no servizo de axuda a domicilio durante varios meses; así como o convenio con Augas de Galicia para o que o Concello achegará máis de 200 000 euros, que se sumarán aos 1,1 millóns de euros da Consellería de Medio Ambiente co fin de mellorar a planta de tratamento de auga potable. Tamén irá a pleno unha moción de apoio aos traballadores e traballadoras de Emesa así como o orzamento municipal do ano 2020.