Estradas inicia as obras de reforma do cruzamento da Magdalena demandadas polo Concello para eliminar un dos “puntos negros” da cidade

206

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana iniciou as obras de reforma do cruzamento da Magdalena solicitadas no seu día polo goberno local. Os traballos das obras inclúen a construción dunha nova glorieta cun investimento próximo aos 200 000 euros. O proxecto foi solicitado pola alcaldesa ao Ministerio en paralelo á cesión por parte de Estradas da antiga N-V entre o límite de Betanzos con Coirós e a Ponte Nova, no centro urbano da cidade.

A reforma deste cruzamento suporá unha mellora “notable na seguridade viaria” nun dos puntos que conta con maior intensidade de tráfico da cidade. Para a mellora desta zona, a alcaldesa, María Barral, mantivera varias reunións co persoal responsable de Estradas, tanto a nivel galego como estatal. A última, co director xeral de Estradas, Javier Ferreiro, quen se comprometeu nesa reunión, como así se está facendo, a executar as obras expostas desde o Concello, tanto de mellora de sinalización e condicións da antiga N-VI, como a construción desta glorieta para regular o tráfico “nun cruzamento perigoso no que ao longo dos últimos anos sucedéronse numerosos accidentes”.

O proxecto, elaborado desde o Ministerio tendo como base a proposta do Concello entregada pola alcaldesa aos responsables de Estradas en Galicia e logo, posteriormente, á Dirección Xeral de Estradas en Madrid, prevé a remodelación do cruzamento para mellorar significativamente a seguridade viaria coa nova glorieta. Ademais, executarase un novo paquete de firmes e reforzarase a sinalización.

Ademais desta obra, o Ministerio abordou diversas actuacións de mellora do tramo que será cedido ao Concello, entre Coirós e a Ponte Nova, centradas no acondicionamento do pavimento, a sinalización, a mellora de beirarrúas na zona do colexio de Atocha.

Estradas da Xunta

A alcaldesa aproveitou o inicio dos traballos para insistir na necesidade “de que a Xunta copie doutras administracións e que, do mesmo xeito que fixo o Goberno central, atenda as reivindicacións do Concello e da veciñanza “que leva anos reclamando melloras” na estrada que une Betanzos con Mesón do Vento ao seu paso por Infesta e Guiliade e na estrada que une Betanzos con Sada ao seu paso por Castro, centradas en sinalización e construción de beirarrúas.

No caso de Guiliade, trátase para o Concello dun tramo netamente urbano, con vivendas por ambas as marxes, no que é necesario reducir á velocidade, como mínimo, de 70 km/hora a 50 km/h. O goberno local non logra entender como o tramo non se identifica nin como travesía nin zona urbana, e mantense a velocidade a 70 quilómetros por hora co risco que iso supón para a veciñanza da zona que cada día transita pola vía e que, ante esta situación, non ten unha zona de paso peonil segura.

Canto a Infesta, trátase dun punto no que se producen constantemente accidentes, algúns, hai anos, con vítimas mortais no que é necesario modificar o tramo, e incrementar a seguridade viaria e, de forma especial, dos peóns.

Ademais destas actuacións, é necesaria a creación dun camiño seguro que unha Betanzos coa residencia da terceira idade e o centro Pai Menni.