Betanzos homenaxea o seu produto “estrela” nunha nova Semana da Tortilla, que este ano se celebrará do 6 ao 15 de outubro

191

O Concello de Betanzos volve a apostar pola promoción do seu produto estrela: a tortilla. A alcaldesa, María Barral, presentou a edición XIII da Semana da Tortilla  que este ano se celebrará do 6 ao 15 de outubro. Do mesmo xeito que o pasado ano, haberá dúas modalidades, a profesional, entre os establecementos que participen na edición; e a “afeccionada” que poderá optar ao premio á mellor tortilla “caseira”.

Nestes momentos está aberto o prazo de inscrición para os profesionais. Será ata o próximo día 28 a través da sede electrónica.

No caso das persoas particulares, o prazo será do día 2 ao 10 de outubro, con inscrición presencial na Oficina de turismo, de 10:00 h a 14:00 h de luns a sábado ou a través de enderezo electrónico [email protected], achegando nome, enderezo, DNI e teléfono.

O obxectivo é poñer en valor o produto gastronómico polo que Betanzos é coñecido a nivel nacional, nunha semana onde os establecementos participantes, que terán un dispositivo identificativo, ofrecerán petiscos de tortilla todos os días de 12:00 h a 15:00 h e de 20:00 h a 22:30 h, pola semana,  e de 20:00 h a 23:30 h os venres e sábados.

O prezo de cada tapa será de 2 euros.

O Concello volverá organizar o certame con catas a cegas para escoller os cinco finalistas. É dicir, en lugar de probar a tortilla en cada un dos establecementos participantes, serán os hostaleiros os que a trasladen ao Edificio Arquivo para ser degustada polo xurado sen saber o nome do local onde se fixo. Desa cata sairán os cinco finalistas para o domingo día 15, que serán valorados por un xurado profesional. Os integrantes deste xurado serán os encargados de escoller a mellor tortilla de Betanzos 2023 elaborada, como únicos ingredientes, con pataca, aceite, sal e ovos,  nunha cata que será retransmitida polas redes sociais do Concello.

Volverá tamén a organizarse un concurso entre as persoas que proben a tortilla en, polo menos, cinco establecementos, sorteando, en colaboración da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, cinco experiencias gastronómicas para dúas persoas nun dos “Restaurantes da Biosfera”. O cupón cuberto e selado para participar neste sorteo poderá entregarse en calquera dos establecementos da Semana, podendo votar, ademais, a mellor tortilla da edición que recibirá  o PREMIO POPULAR.

María Barral explicou tamén que, igual que o pasado ano, celebrarase o concurso de “tortilla caseira” para que  a Semana da Tortilla “non só conte con profesionais senón que sexa unha festa e unha celebración na que participen cantos máis veciños e veciñas mellor”. No concurso poderán participar todos os veciños e veciñas maiores de 18 anos empadroadas en Betanzos.

A persoa gañadora da “Mellor tortilla caseira de Betanzos” escollerase da seguinte maneira: as persoas participantes, rexistradas para o concurso, acudirán o día 14 de outubro ás 12:00 h ao Salón azul do Edificio Arquivo cunha tortilla enteira que teña como mínimo de 18 cms. No momento da entrega asignarase un número a cada unha das tortillas participantes segundo a orde de chegada.

Un xurado catará e puntuará de 1 a 5 cada tortilla sen coñecer a quen pertence cada unha delas. A suma da puntuación dos membros do xurado dará lugar á tortilla gañadora, á segunda e á terceira clasificada. O xurado cualificará as tortillas con base a criterios de imparcialidade, obxectividade e plena igualdade das persoas participantes, e valorará, dentro dos criterios de obxectividade, que reúna as características propias da tortilla de Betanzos, é dicir, que sexa unha tortilla zumenta e elaborada exclusivamente con patacas, ovos, aceite e sal.

Haberá tres premios. O 1.º premio de “Mellor  tortilla caseira 2023”, composto por un trofeo conmemorativo e un lote de produtos do patrocinador e do Concello, e un segundo e terceiro premio  cun lote de produtos do patrocinador e do Concello.