O Concello encarga de forma urxente os traballos de retirada de elementos que corren risco de caída dunha vivenda situada na rúa Travesa

99

O Concello encargou, de maneira urxente, os traballos de retirada da galería e outros elementos que se atopan en risco de derrubamento da vivenda situada na rúa Travesa n.º 31. A inspección realizada polos servizos municipais detectou un empeoramento notable da parte superior da vivenda polo que procedeu a dar orde de retirada dos elementos que puidesen caer sobre a vía así como da galería da segunda planta do inmoble.

Os traballos foron encargados polo Concello despois de informar da situación a Patrimonio dado que a vivenda está catalogada.

Sobre o número 31 da rúa Travesa pesan ordes de execución decretadas polo Concello e que “non foron atendidas polas persoas propietarias do inmoble” que fixeron caso omiso ao seu deber de conservación. As últimas son de xullo deste ano, na que se ordenaban unha serie de actuacións de rehabilitación da envolvente da vivenda, isto é, fachada e cuberta ante o risco no que se atopaba. O expediente e as notificacións non foron atendidas tras ser entregadas no último domicilio que consta das persoas propietarias, polo que se publicaron o 4 de agosto no BOE e déronselle 15 días para que comparecesen eles ou quen as represente no propio Concello.

Pasado este tempo tampouco se produciu a comparecencia. Agora, tras unha nova inspección, comprobouse que o estado do inmoble empeorara co consecuente risco de caída de elementos á vía pública.

O día 19 de setembro valouse o perímetro da vivenda e o día seguinte cortouse o tráfico na rúa tras a visita realizada polos/as bombeiros/as e persoal técnico municipal que volveron comprobar o seu estado.

Hoxe retiraranse os elementos logo da orde dos servizos técnicos municipais, segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Diego Fernández.

Os traballos realizaranse de forma subsidiaria, é dicir, terán que ser aboados polas persoas propietarias da vivenda, iniciándose o procedemento administrativo correspondente para executar ese cobro. “O Concello vai seguir inspeccionando e abrindo expedientes para que as persoas propietarias de vivenda que se atopan en mal estado actúen sobre elas. Desde a Administración non nos podemos quedar inmóbiles ante unha situación que xa non só afecta á seguridade senón que pon en risco outras vivendas lindeiras. Son expedientes administrativos complexos, polas dificultades que teñen á hora de realizar as notificacións, con prazos legais longos que aumentan esa dificultade de actuación, pero ante o estado dos inmobles é necesario actuar”.