María Barral visita o CEIP Vales Villamarín no inicio do curso e supervisa as tarefas de mellora realizadas nas instalacións

520

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, e o concelleiro de Educación, Andrés Hermida, visitaron o CEIP Vales de Villamarín con motivo do comezo do curso escolar. Un encontro no que tamén supervisaron o resultado dos traballos de mellora que o Concello levou a cabo nas instalacións antes do inicio deste novo ano lectivo.

Ao longo do verán, realizáronse labores de limpeza profunda no patio cuberto, o pavillón, pintouse e fixéronse outros labores de mantemento, pintura e carpintaría para acondicionar os diferentes espazos das instalacións de cara ao inicio do curso 2021/2022.

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, e o concelleiro de Educación, Andrés Hermida, xunto co director do CEIP Vales de Villamarín, Alejandro Sánchez

Na reunión co director do centro, a primeira edil comprometeu o apoio do Consistorio na instalación dun rocódromo para as actividades de Educación Física. Ademais, Barral abordou xunto co director do colexio a inaceptable situación na que se atopa o servizo de transporte escolar, “é unha problemática á que a Xunta non lle puxo aínda ningunha solución, xa comezou o curso escolar e seguimos coa incerteza de se o alumnado poderá ou non coller o autobús para achegarse ao centro”, indicaba a rexedora.

O Concello levará este asunto ao Consello Escolar municipal que terá lugar o 8 de setembro, para estudar as accións “que emprenderemos para evitar que 80 alumnos e alumnas dos diferentes centros públicos de Betanzos queden sen transporte”. A alcaldesa tamén sinalou que este asunto se levará ao pleno da corporación municipal este mesmo mes. O obxectivo é esixirlle á Xunta que ningún alumno nin alumna quede fóra do transporte escolar.

Ademais, a alcaldesa tamén denunciou a falta de profesorado e demandou que se cubra a media praza de profesor/a de Inglés e a praza de Pedagoxía Terapéutica xa que a falta deste profesorado, na práctica, significa que en Infantil non poderá ter clase de inglés. Finalmente, considera que é moi grave que “parte do alumnado que ten necesidades especiais non poida ser atendido pola falta dunha praza de Pedagoxía Terapéutica cando Educación sabía que este curso era imprescindible reforzar o departamento e cubrir esta praza para atender as necesidades do centro”.