Betanzos renova o campo de herba artificial cun céspede de última xeración

525
Campo de herba artificial do Carregal

O Concello acaba de adxudicarlle os traballos cun investimento duns 149 000 euros dentro do programa de mellora de instalacións deportivas.

O Concello cambiará o campo de herba artificial do Carregal dentro dunha reforma integral das instalacións das que se beneficiarán os equipos de categoría inferior do Betanzos C.F. así como equipos de peñas e veteranos, tanto en fútbol 11 como en fútbol 8. Dado o uso excesivo destas instalacións o céspede tivo un gran desgaste, polo que se realizará a substitución deste dentro dun programa de mellora de instalacións deportivas que incluíu pistas descubertas e o complexo do Carregal.

O proxecto recolle a substitución do campo de fútbol de céspede artificial, por un sistema de última xeración na súa composición como polímero de poliolefinas. Esta composición  permite a utilización do Campo para a práctica tanto de fútbol 11 como de fútbol 8, realizando as marcas minimizadas  no terreo  de xogo para  ambos os  tipos  de xogo e  dotando as instalacións  do equipamento deportivo necesario, atendendo por tanto ás esixencias dos diferentes equipos locais que o utilizan e demostrando a polivalencia da instalación que se proxecta para obter un campo de fútbol de herba de céspede artificial de última xeración, dotado de dous campos de Fútbol 8 transversais ao anterior. As dimensións do campo de fútbol 11 serán das mesmas dimensións existentes (104×62), sempre atendendo ás normas vixentes con respecto aos deportes para practicar, dentro da superficie dispoñible.

Reutilizarase a capa de lastrado existente actualmente no campo, para a súa posterior reutilización en novo céspede artificial. Dentro das diversas opcións que existen como pavimentos sintéticos deportivos para campos de fútbol, optouse por unha de céspede artificial de última xeración para a práctica de fútbol fabricado mediante sistema TUFTING en zigzag, adaptado para cumprir  os parámetros segundo a Norma UNE EN 15330-1, (superficies de céspede artificial para fúbol), e FIFA FIFA Quality Prol Concept for Football Turf.

O custo do novo campo será de 149 803 euros. O prazo de execución dos traballos é de aproximadamente un mes.

A alcaldesa, María Barral, explicou que se trata dunha actuación necesaria “para cubrir as necesidades que ten o Concello en materia deportiva, despois de que o actual campo sufrise a lóxica deterioración polo paso do tempo”. A primeira edil indicou que os traballos forman parte dunha serie de proxectos de mellora de instalacións deportivas que se irán executando de forma paulatina a curto e medio prazo “aínda que gran parte destas xa se viñeron executando, especialmente, no relativo ás melloras de pistas polideportivas descubertas, durante os últimos meses”.