Betanzos renovará a rede de saneamento canalizada polo Mendo entre As Cascas e O Carregal para evitar posibles verteduras

388
Rio Mendo a seu paso pola ponte das Cascas

Pretende  que non se produzan verteduras nun colector que é antigo e de difícil mantemento ao pasar en varios tramos por terreos privados

O goberno local acaba de adxudicar unha das obras “máis importantes” en materia de saneamento proxectadas para a cidade “dado que con ela pretendemos evitar o risco de verteduras ao río Mendo ao seu paso polo núcleo urbano”. Así o explicou a alcaldesa, María Barral, quen indicou que os traballos foron incluídos no Plan Único POS + 2019 e prevén á reordenación do saneamento na marxe do río Mendo entre a ponte das Cascas e a ponte do Carregal, non que se investirán preto de 500 000 euros. Trátase dunha actuación coa que o Concello pretende completar diversos traballos en materia de saneamento que levou a cabo nos últimos anos executando “unha obra que resulta clave para esta rede e unha das máis importantes levadas a cabo no Concello”.

O obxectivo é renovar o colector que se proxecta ao longo do río Mendo, unha instalación antiga que vén de sufrir tanto a deterioración do tempo, como o repise dos terreos nos que se está e mesmo roturas accidentais causadas pola navegación neste tramo de río desde a ponte das Cascas ata o fondo da ría. O estado desta instalación non garante a durabilidade que calquera actuación parcial puidera achegar, ademais de que ao estar o colector na súa maior parte en terreos privados, fai inviable ou seu correcto mantemento.

As obras consistirán basicamente na execución dun cambio de trazado na impulsión do colector das Cascas. Neste novo trazado haberá que integrar servizos da Avenida Jesús García Naveira. Tamén se incluirá un novo pozo de bombeo de Bartolomé Cossío dotado con tres bombas; a construción dun tanque de tormentas; a execución dunha impulsión na marxe esquerda que conectará, de forma subterránea, coa ponte do Carregal, e desembocará na rede existente augas abaixo. Con esta configuración, sen pozos e aloxada na gabia fóra do alcance da marea e das crecidas máximas do río, conseguimos anular todas as verteduras que puidesen darse nese tramo.