O alumnado de primaria propón programas de voluntariado interxeracionais, melloras no transporte público e que se inclúan os produtos de proximidade nos menús escolares. Galería de imaxes

1775

Betanzos realizou o pasado martes 17 de decembro o seu pleno infantil, unha actividade organizada pola Concellería de Educación, UNICEF e os colexios Vales Villamarín e Atocha para conmemorar nun mesmo acto dúas datas significativas, o Día da Inacia e o Día da Constitución. Participaron 17 alumnos e alumnas de sexto curso de educación primaria, tanto os concelleiros que compoñen a corporación local betanceira, que á súa vez foron escollidos polos seus compañeiros e compañeiras. Catro eran do colexio Atocha e outros 13 do colexio Vales Villamarín. Ademais do alcalde que este ano foi Antón Lagares Montes, participaron Pablo Fraga Orgeira. Julia Fraga Barral, Daniela Barallobre Carro, Emma López Seoane, Lía Maceiras Sánchez, Brais Sánchez Pita, Ariadna Rienda Lafuente, Inés Pena Medín, Julia López Fernández, Alejandro Núñez González, Myriam Arnoso Roca e Lucía Prado Cancela. Os representantes do colexio Nosa Señora do Carme-Atocha foron: Alba Vázquez Vilariño, Carmen Ferreiro Pernas, Ignacio Abeal Suárez e Sofía Suárez Sánchez.

A alcaldesa, María Barral Varela, recibiu ao alumnado participante no salón de plenos para logo realizar na aula de Cultura o pleno infantil. Barral destacou “a importancia deste tipo de actividades para que os nenos e nenas coñezan o funcionamento dunha Administración tan próxima como o Concello”. Explicou que as propostas realizadas “son altamente positivas” e en moitas delas reflíctense o grao de “preocupación e concienciación”. Deulle os parabéns non só aos 17 concelleiros senón ao resto de compañeiros que tamén estiveron presentes en aula de Cultura seguindo o pleno, así como o seu profesorado, polas iniciativas e o traballo realizado na elaboración destas. “Vexo madeira entre os concelleiros para que nuns anos ocupen algún das cadeiras de brazos do Pleno”, indicou a alcaldesa á vez que anunciou que as iniciativas “serán levadas a Pleno da Corporación local o próximo mes de xaneiro”. O Pleno aprobou as propostas que presentaron tanto o alumnado do Vales Villamarín como os de Atocha. Dos primeiros deuse o visto e prace a unha moción na que se propuxo a creación dun programa de voluntariado interxeneracional dirixido tanto a nenos e nenas como a maiores de 65 anos.

O programa do alumnado é dar “compañía ás persoas maiores” con actividades de acompañamento que se centrarían en “facerlles a compra por internet, xestionarlles citas médicas do Sergas ou facerlles compañía con xogos de mesa”. Tamén se propuxo incentivar os produtos de proximidade, coa “compra a produtores da comarca para os menús do comedor escolar”. Dirixido ao funcionamento do colexio, proponse a eliminación do uso de plástico nos centros de ensino, comezando polo Vales Villamarín. Aprobáronse tamén as propostas presentadas polo alumnado do colexio de Atocha encamiñadas á mellora do transporte público, tanto ao centro escolar como ás conexións entre Betanzos e A Coruña especialmente en horario nocturno que posibiliten desprazamentos de ida e volta para asistir a actividades culturais ou deportivas. Outra das propostas centrouse na posta en marcha dun campionato interescolar coa participación dos colexios de Betanzos e da comarca.