O Concello abre un período de participación veciñal para elaborar o plan de mobilidade

501

O Concello iniciou un proceso participativo para que a veciñanza poida expor as súas necesidades e as súas achegas ao plan de mobilidade que se está a redactar nestes momentos. Este proceso participativo denominase Móvete Betanzos, e integra distintas actividades como encontros territoriais e sectoriais, entrevistas con técnicos e a realización de enquisas, tanto na fase de toma de datos e análise como na de formulación e validación das propostas. Dada a situación actual derivada da pandemia do SARS-CoV-2 e as restricións e precaucións a considerar por saúde pública, adaptouse este proceso participativo, fomentando as actividades telemáticas e apoiadas nas TIC.

A veciñanza pode participar activamente a través da páxina web www.novas.betanzos.gal onde atopará unha ligazón para facer unha enquisa e achegar a súa visión previa a realización das propostas.

O plan de mobilidade foi encargado polo Concello para deseñar unha serie de actuacións estratéxicas para acadar un territorio municipal moito máis sostible. Este documento establecerá unha estratexia global que permita cambiar o modelo de mobilidade actual, tendo en conta as particularidades territoriais e socioeconómicas, procurando manter a calidade de vida e habitabilidade, sen esquecer as posibilidades de mellorar a competitividade turística.

O Plan de Mobilidade Sostible parte de considerar a realidade territorial e social de Betanzos, e a incidencia que tanto a urbanización como, en particular, as infraestruturas existentes e futuras dun xeito interrelacionado posúen nos patróns de mobilidade, na localización de actividades ou no reparto modal, e nas súas consecuencias espaciais, sociais, económicas e ambientais.

Deste xeito, o Plan configúrase como un documento de desenvolvemento estratéxico do territorio baixo unha visión integradora que ten como finalidade formular un conxunto de estratexias e actuacións orientadas á implantación de formas de desprazamento máis sostibles (camiñar, bicicleta e transporte público) que fagan compatibles o desenvolvemento económico, a cohesión social e a defensa do medio ambiente, garantindo así unha mellor calidade de vida e saúde para a cidadanía.

O Plan de Mobilidade Sostible concentrará as súas análises e propostas no núcleo urbano de Betanzos, aínda que considerará todo o termo municipal, analizando e propoñendo actuacións de distinto alcance para todo o territorio, en particular aquelas que faciliten a comunicación peonil e ciclista entre as parroquias e o núcleo urbano.

As liñas estratéxicas principais nas que se apoiará o Plan de Mobilidade Sostible estarán baseadas na mobilidade saudable, sostible, eficiente e intelixente, segura e equitativa, incidindo tamén na xestión das distintas actuacións propostas.

Deste xeito formularanse propostas relacionadas do impacto da mobilidade sobre a saúde da cidadanía, tanto respecto ao fomento dos modos non motorizados, a pé e ciclista, cunha rede de itinerarios a escala municipal e coa humanización das rúas no núcleo urbano, baixo unha concepción activa da mobilidade. Tamén se analizarán e considerarán actuacións destinadas a mellorar o transporte público e a racionalizar a rede viaria urbana, con especial atención ao estacionamento, a seguridade e a facilitar a todos os cidadáns o exercicio da súa mobilidade.