Arredor de 180 000 euros. Esa é a cantidade á que o goberno local tivo que facer fronte durante os últimos meses para abordar diversas actuacións no colexio Vales Villamarín, actuacións que non estaban previstas e que nun 90% dos casos son derivadas pola pandemia. A alcaldesa, María Barral, indicou que se trata de medidas e actuacións que non estaban programadas mais que “o día a día, pola pandemia, fixo que o Concello as teña que abordar, xa que o primeiro, como dixemos hai meses, é a saúde e neste caso o apoio á educación e aos alumnos e alumnas para que poidan desenvolver o curso escolar nas mellores condicións dentro da situación que vivimos”.
Nese gasto inclúense as actuacións que en materia educativa levou a cabo o Concello desde o estado de alarma. Trátase de adaptacións realizadas no colexio, a compra de mobiliario, por exemplo, as mesas de comedor; os enrutadores para que os alumnos e alumnas que non dispuñan de internet nos seus domicilios puidesen manter durante o confinamento a actividade en escolar nestes (uns 10 000 euros); o incremento de limpeza no edificio; a contratación de monitores para as quendas de comedor ou a dotación de material desinfectante.
Por este motivo, a alcaldesa volveu referirse á necesidade de que a Xunta colabore cos concellos achegando o financiamento necesario para levar a cabo actuacións en materia de seguridade nos centros escolares. “Está moi ben que se deseñen protocolos que inclúen limpezas e desinfeccións necesarias e os concellos estamos a realizalas porque senón non se poderían desenvolver, pero a competencia é da Xunta e para iso recibiu, ademais, millóns do Estado para educación”.
O que lle piden os concellos é que “cedan esas partidas aos concellos e directamente, desde a Administración local, xestionaremos a limpeza e outras actuacións como estamos a facer agora sen recibir nada a cambio”, explicou a alcaldesa de Betanzos.
A primeira edil reiterou que hai “moitas actuacións e servizos que son necesarios, mais que os concellos non podemos asumir sen apoio financeiro”. Indicou que “día a día atopámonos con actuacións necesarias e imprevistas para facer seguro e desenvolvemento educativo mais para iso asumimos actuacións que non lle corresponden aos concellos”.