O concello de Betanzos outorga o distintivo muller emprendedora 2019 a 21 mulleres que emprenderon a súa actividade de negocio no termo municipal.

22

O Concello de Betanzos retoma o distintivo Muller Emprendedora, actividade recollida no III Plan de Igualdade 2017 – 2021, e que comezou a súa andaina no 2019.

O Concello brigantino pretende recoñecer a iniciativa de todas aquelas mulleres que emprenderon os seus negocios ao longo do ano 2019. Neste caso, optan ao distintivo 21 mulleres que a pesar da pandemia resisten coas portas abertas dos seus locais, tales como peruquerías, negocios de hostalería, lavandería, obradoiro de deseño, tenda de telefonía, empresa de axuda a domicilio, centro de equinoterapia, tenda de produtos artesáns, etc.

A entrega inicial dos distintivos, prevista dentro dos actos conmemorativos ao redor do 8 de marzo, tivo que ser suspendida debido ao decreto do estado de alarma provocado pola COVID-19.

As premiadas serán homenaxeadas o venres 23 de outubro, ás 20:30 horas na Sala Xulio Cuns do Edificio Liceo, seguindo o protocolo sanitario establecido para este tipo de actos, polo que o aforo será restrinxido.

O acto quere servir tamén como lugar de encontro e de toma de contacto entre as propias emprendedoras, de cara a establecer redes de apoio informal.