Tras un mes de funcionamento do servizo de comedor no colexio Vales Villamarín e despois de que ao longo destas semanas se foron mellorando diversos aspectos do servizo, o Concello dará un paso máis para “aliviar” o tempo de espera do alumnado da segunda quenda de comedor e da primeira quenda que, dentro dos programas de conciliación, teñen que permanecer no recinto escolar ata as 16:00 h.
“Era necesario testar o funcionamento do servizo nesta nova situación provocada pola pandemia que nos obrigou a facer un cambio nos hábitos de prestación do comedor como viñamos mantendo nestes últimos anos. Así, o mes de setembro serviu para comprobar que aspectos funcionaban correctamente do protocolo e cales eran necesarios mellorar ou cambiar”, explicou a alcaldesa, María Barral. Neste sentido, indicou que se mantiveron diversas reunións coa empresa encargada do servizo e conversas coa dirección do centro para ir “valorar o día a día e ver que aspectos eran necesarios ir cambiando”.
A última modificación obedece aos tempos de espera do alumnado da segunda quenda de comedor, que deben esperar a que conclúa a primeira quenda para acceder e aos tempos de espera desa primeira quenda ata que saen do colexio para dirixirse aos seus domicilios. Ante a imposibilidade de volver ás aulas e a obriga, por protocolo, de manter grupos burbulla, que impiden que o alumnado de varios cursos poida mesturarse en actividades, o Concello organizará actividades alternativas para eses escolares co fin de que poidan cubrir dunha forma amena ese tempo de espera “cumprindo ao mesmo tempo as medidas de seguridade en canto a distancia social”.
O custo da actividade non repercutirá no servizo senón que será asumido polo Concello. “Aínda que en todo momento están supervisados por coidadores, o alumnado non pode estar nunha zona do colexio, agardando a súa quenda de entrada ao comedor ou saída do recinto, inmóbiles, ata que chegue a hora. Hai que ofrecer unha alternativa”, indicaron fontes municipais.
Será un complemento ao servizo de comedor que subvenciona o Concello e que, neste caso, tamén asumirá a Administración local, que lamenta “que sigamos sen recibir ningún tipo de axuda da Xunta non só para esta cuestión senón para ningunha outra que teña que ver con actuacións de prevención da Covid-19 tanto en obras como en adquisición de material. Ademais destas actividades, o Concello asumiu o custo da limpeza, e a adaptación necesaria destas instalacións, co único obxectivo de que “a nosa veciñanza dispuxese dun servizo imprescindible para poder conciliar a súa vida familiar e laboral e este conte con todas as medidas necesarias que garantan a súa seguridade”.
Por primeira vez, para dar servizo aos 288 alumnos e alumnas de Primaria deste colexio que solicitaron praza habilitáronse dúas quendas, de 14:00 h a 14:45 h de primeiro a terceiro curso de primaria; e de 15:00 h a 15:45 h para os de cuarto a sexto. Con estas dúas quendas, pódese desenvolver o servizo mantendo as medidas de seguridade ás que obriga a Covid-19, especialmente canto á distancia persoal do alumnado.
Establecer dúas quendas era a única alternativa para admitir a todo o alumnado que solicitou a praza no servizo municipal de comedor escolar. “Aínda habilitando, ademais do espazo destinado a comedor, todo o salón de actos do colexio, a distancia que hai que manter entre o alumnado fai que haxa que ocupar toda esta zona do centro escolar”, indicaron.
No aulario de Infantil non foi necesario establecer quendas no servizo, xa que a amplitude das instalacións permite atender simultaneamente aos 138 alumnos e alumnas inscritas con todas as medidas de seguridade establecidas.