O Concello comunica a súa decisión de suspender a XXII edición da Feira Franca Medieval prevista para a segunda fin de semana do próximo mes de xullo. Aínda que faltan máis de dous meses, o Concello, por responsabilidade, toma esta “medida excepcional mais necesaria ante unha situación sobrevida que precisa un esforzo colectivo e que seguirá exixindo unha importante resposta das administracións e de toda a cidadanía en diferentes ámbitos”.
Por iso, por esa responsabilidade social e sanitaria, desde o Concello “é necesario velar pola saúde e esta debe prevalecer sobre calquera outra circunstancia” sumado á incerteza de saber, ademais, ata cando se prorrogarán as medidas de illamento social e de limitación da mobilidade da poboación, así como a suspensión de eventos culturais e festivos, con circunstancias que varían dun día para outro, foron outra das causas que motivaron a decisión.
A estas tamén se une o aspecto administrativo, xa que a organización da feira require un longo proceso nese aspecto coa apertura de prazos de inscrición dos artesáns e das artesás, que veñen de toda España e dun intenso traballo de validación e de selección de solicitudes. Todos estes trámites xa se terían que iniciar e non se fixeron como consecuencia da Covid-19. O pasado ano recibíronse 380 peticións para cubrir un centenar de postos.
Antes de anunciar a suspensión, a alcaldesa, María Barral, mantivo unha reunión cos portavoces municipais co fin de acordar a decisión tendo en conta todas estas circunstancias. Todos os grupos, PP, BNG e PSOE apoiaron esta decisión.
Trátase unha decisión “moi difícil”, admitiu a primeira edil, “polo impacto que ten na economía local”, especialmente na hostalaría e en boa parte do comercio “mais nestas circunstancias actuais vémonos obrigados a tomala tendo en conta, ademais, que se trata dun evento no que a participación veciñal dos betanceiros e das betanceiras e das persoas que nos visitan é o seu sinal de identidade, e que, polo tanto, na loita que nos queda contra a Coronavirus non existe outra opción para unha feira, referente e tan multitudinaria como é a nosa Feira Medieval”.
A primeira edil explicou que o Concello barallou o seu aprazamento e a busca doutras datas, mais “nun escenario imprevisible, poñerse a adiviñar ou a anticipar que vai suceder dentro de cinco meses é un exercicio de irresponsabilidade. Se a iso lle sumamos o aspecto meteorolóxico, e todo o proceso de organización da propia feira, levala a outros meses agora mesmo parece inabordable, de aí a súa suspensión”.
A feira congrega a miles de persoas durante os tres días e é un dos eventos, senón o que máis, de maior impacto económico para distintos sectores de Betanzos. Por iso, o Concello comprometeuse coas asociacións de comerciantes e empresarios coas que veu mantendo reunións nos últimos días a traballar na procura de fórmulas para xerar actividade e tratar de compensar, polo menos en parte, as perdas que ocasionará esta situación, deseñando actuacións nun traballo conxunto con asociacións de comerciantes e outros ámbitos para a reactivación económica en canto a situación sanitaria o permita.
A Feira Medieval ten un orzamento de algo máis de 70 000 euros, sen contar cos gastos que supoñen os servizos municipais, dos que o Concello entre publicidade, subvencións, recadación por postos e poxas, recupera uns 50 000 euros. Neste sentido, María Barral anunciou a súa intención de destinar esta partida a gastos derivados das actuacións que desenvolve ou vai desenvolver o Concello para tentar paliar as consecuencias da crise sanitaria ocasionada pola Covid-19.
Sobre as festas de agosto, o Concello aínda non tomou unha decisión definitiva aínda que adiantou que en boa lóxica “tamén se verán moi afectadas”