A alcaldesa, María Barral, trasladoulle á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez a satisfacción de que por “a Xunta licitase as obras de mellora da planta de tratamento de auga” despois do atraso acumulado que tiñan estes traballos. A primeira edil mantivo esta mañá un videoconferencia na que a conselleira a informou de que as obras saíran a licitación e que as empresas disporán agora ata o 28 de maio para a presentación de propostas, co que os traballos comezarían a finais deste ano.
María Barral volveu reiterar a súa disposición de colaborar no desenvolvemento dos traballos como fixo o Concello achegando máis de 200 000 euros ao proxecto, e insistiu na necesidade de que se cumpran os prazos “e que non haxa máis atrasos porque son traballos necesarios para Betanzos, que o Concello leva esperando desde hai anos”.
O proxecto recolle a mellora do sistema de abastecemento de auga que inclúe unha serie de actuacións técnicas na planta de tratamento de auga para aumentar tanto a súa calidade como a cantidade de extracción.
En xullo de 2016 o Concello e Augas de Galicia asinaron un convenio que incluía a redacción do proxecto e a execución das actuacións incluídas neste para mellorar, entre outras cousas, a captación de auga e o tratamento, co fin de reducir os episodios de turbidez na auga que se producen, especialmente, en épocas de choivas tras un período de seca. O convenio incluía unha achega da Xunta dun millón de euros. Con todo, unha vez definidas as obras estas superan a contía inicialmente prevista en xullo de 2016.
A día de hoxe os traballos necesarios ascenden a 1 350 427 euros polo que Augas de Galicia pediulle ao Concello que financiase os traballos e que “esa cantidade se plasmase na sinatura dunha addenda ao convenio asinado no seu día entre o Concello e a Xunta”.
María Barral aceptou achegar eses máis de 200000 euros xa que se trata dunhas “obras necesarias e que o Concello considera prioritarias para mellorar a calidade da auga e evitar episodios de turbidez”. A primeira edil explicou que a pesar de que a achega, con fondos municipais, suporá “unha modificación dos plans de gasto e investimento do Concello, entendemos que é algo de temos que asumir para desbloquear un proxecto que é sumamente importante non só a curto, senón a longo prazo, canto á mellora dos servizos básicos de abastecemento”.
As obras que se pretenden executar ao longo de nove meses consisten na mellora do sistema de abastecemento co fin de incrementar a capacidade de regulación, e optimizar tamén os procesos de potabilización. O obxectivo é garantir un mellor sistema e que “os betanceiros e as betanceiras poidan ter auga en cantidade e calidade suficiente para satisfacer as demandas futuras”.
Os traballos financiaranse en varias anualidades. O Concello achegará en 2020 un total de 77 912 euros, e outros 127 205 euros para 2021. O resto será achegado pola Xunta en varias anualidades, en 2020 de máis de 430 000 euros e en 2021 de máis de 870 000 euros, que se unirán aos 38 000 euros de 2018 e os 7136 euros deste ano.
A alcaldesa interesouse polos prazos de licitación do plan director de saneamento da Xunta, pendente unha actuación que, segundo a conselleira, “licitarase en maio”.