O Concello contrata a dixitalización de 80.993 páxinas de O Arquivo, entre elas actas e o rexistro do antigo hospital de San Antonio

903
O edificio que alberga o Museo das Mariñas, eo Arquivo e a biblioteca municipal pasará a denominarse “Centro cultural Santo Domingo-Vicente de la Fuente”.

O Concello acaba de sacar a licitación a dixitalización de 80.993 páxinas que forman parte do patrimonio bibliográfico de Betanzos, conservados no Arquivo municipal, para garantir a preservación dos contidos e dos obxectos dixitais a longo prazo; a identificación e descrición dos documentos dixitalizados, cos seus correspondentes esquemas de metadatos; o acceso aos documentos dixitalizados a través da web do Concello; e garantir os dereitos de propiedade intelectual.

O Concello é, a día de hoxe, segundo explicou a alcaldesa, María Barral, o Concello máis aberto de Galicia a través de internet para consultar a documentación que consta no Arquivo Municipal.

Entre os documentos fixo especial fincapé na importancia que ten o traballo que se vai a contratar na dixitalización das “actas capitulares que constitúen a serie documental mais importante da cidade, xa que marca o goberno e o devir dos concellos e as súas distintas jurisciones ao longo dos séculos”. En total dse dixitalizarán 25.596 imaxes comprendidas entre os anos 1801 e 1900 e outras 20.852 correspondentes ao período de 1901 a 2000.

Ademais das actas dixitalizaranse varios padróns de habitantes e series do rexistro civil (algo que non é usual noutros arquivos municipais) e que teñen moita demanda, tanto por parte dos investigadores como pola cidadanía en xeral, especialmente relacionado co mundo da emigración.

Neste sentido farase un traballo centrado nos anos 1919 e 1935, en canto a padrón; e do Rexistro Civil de libros nados entre 1837-1870, 5.954 imaxes; libros de matrimonios de 1841-1869 con 816 e libros de falecementos de 1841 a 1869 con 4.752 documentos.

Tamén se dixitalizarán libros de rendas e impostos con rexistro fiscal de edificios e solares de 1893; de 1927 a 1948 e de 1818-1819, importantes para o estudo e coñecemento da evolución urbanística dunha cidade medieval, como é Betanzos e para facer valoracións sobre o sistema da propiedade, tanto da cidade de Betanzos como doutros municipios que conforman as comarca de As Mariñas, unha documentación moi solicitada por investigadores.

Haberá, ademais, traballo sobre o arquivo do Hospital de San Antonio con libros de entrada e saída de enfermos desde 1746 a 1938, en total 1298 documentos. Estes libros teñen unha gran importancia para a historia da Medicina e da Asistencia Socio-Sanitaria en Betanzos e en Galicia, achegando datos de moito interese para o estudo das peregrinacións a Santiago, xa que Betanzos, ao estar cruzado por diversos camiños de Santiago, e polo eco da peregrinación nas súas tres igrexas góticas, é a cidade máis “xacobea” de Galicia, despois de Santiago.

E por último, libros, acordos e ordes, entre 1809 e 1813 con da “Xunta de Subsidios, Defensa e Armamento de Betanzos” con 7340 imaxes que achegan unha importante información sobre a loita contra os invasores franceses na Guerra da Independencia, na provincia da Coruña.