Betanzos inicia os traballos de recuperación integral da fonte da Diana Cazadora 

57

O Concello  vén de iniciar os traballos de mellora e recuperación integral da fonte da Diana Cazadora, unha das imaxes máis emblemáticas e recoñecibles do patrimonio urbano da cidade.

Trátase dunha intervención de grande importancia nun elemento simbólico do espazo público betanceiro, que se desenvolverá ao longo dos próximos días e que ten como obxectivo principal a súa recuperación integral e a posta en valor do conxunto escultórico e ornamental.

As actuacións céntranse na reparación das filtracións que a fonte vén sufrindo desde hai tempo, derivadas do desgaste da pedra. Aínda que xa se realizaran reparacións anteriores, estas non acadaron a profundidade necesaria para resolver o problema de maneira definitiva. Con esta nova intervención preténdese evitar por completo a filtración de auga e garantir a correcta conservación da estrutura.

Para iso empregaranse produtos especializados que respecten e non danen a pedra orixinal, asegurando a súa preservación a longo prazo. Ademais, levarase a cabo a limpeza do óxido acumulado mediante técnicas e produtos específicos para este tipo de intervencións patrimoniais.

Os traballos inclúen tamén o pulido dos chorros de auga, co fin de mellorar o seu funcionamento e a súa estética, así como a recuperación das letras douradas nas que figura o nome de Betanzos e a data de creación da fonte, elementos de gran valor simbólico e identitario.

Ademaís procederase ao repintado da estrutura co característico “verde Betanzos”, cor tradicional que forma parte da identidade visual de diversos elementos do mobiliario urbano da cidade.

Esta actuación enmárcase dentro da estratexia municipal de recuperación e posta en valor do patrimonio histórico e dos espazos públicos, co obxectivo de preservar e mellorar os elementos singulares que conforman a identidade de Betanzos e mellorar a calidade dos seus espazos urbanos .