O Concello contratará a elaboración dun inventario de camiños

872
Vista xeral de Betanzos

O Concello encargará a elaboración dun inventario de camiños co fin de definir se se trata de vías públicas, privadas ou de servidumes de paso. Trátase dun traballo complementario á redacción do plan xeral de ordenación municipal mediante o cal a Concellería de Urbanismo pretende dispor dunha información actualizada da rede de viaria e “clarificatoria á hora de axilizar, por exemplo, a concesión de licenzas ou ante dúbidas veciñais”.

Así o explicou o concelleiro de Urbanismo, Andrés Hermida, quen considera que o documento “é necesario para reflectir a realidade do Concello, de forma especial, da zona rural, onde en ocasións existen dúbidas que atrasan a adopción de acordos ou trámites ata que non se clarifican tecnicamente”.

Os traballos serán contratados proximamente polo Concello e desenvolveranse por espazo dun seis meses. Espérase tamén as achegas veciñais para “reflectir con maior exactitude todos os viarios xa que, estamos seguros, que no desenvolvemento deste traballo aparecerá algún camiño que mesmo non estivese recollido na cartografía municipal”.

O edil indicou que se trata de incrementar a base documental do Concello e poder ofrecerlle, en paralelo, unha maior información á veciñanza.

Plan de protección do centro histórico

Por outra banda, explicou que nos próximos días se iniciarán as reunións de planificación coa empresa adxudicataria da redacción do plan especial de protección do centro histórico, que deberá estar aprobado en 2022. A revitalización do centro histórico é un dos “obxectivos principais do goberno local e iso vai aparellado, sen dúbida,  á revisión do plan, unha das accións prioritarias e ineludible  para este goberno”.

Previamente á redacción do Plan, o goberno local realizou unha serie de informes previos, é dicir, “xa temos moitos deberes feitos con datos de medio físico, poboación, infraestruturas, edificacións e construcións, usos do solo, interese e valores culturais etc., tanto recompilando os datos existentes en arquivos ou outros fondos como efectuando os traballos de campo precisos para a actualización dos mesmos, polo que xa hai moito andado”.

O novo Plan especial substituirá ao actual Pepoch, aprobado definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña na sesión do 02/12/1992 (BOP n.º 299 do 30/12/1992) e redactado ao abeiro da Lei 16/1985, de 25 de xuño, de patrimonio histórico español. O plan especial será un documento adaptado á normativa vixente, é dicir, á Lei de patrimonio, co que pretendemos “potenciar a rehabilitación e a recuperación de inmobles. Será un plan acorde á situación actual, mais cumprindo, como non podía ser doutra maneira, as normativas e o que nos permitan estas”.

O obxectivo, indicou,  pasa por garantir o futuro do centro histórico como un espazo activo, dinámico, que ofreza servizos e que revitalice a cidade no seu conxunto, definindo usos e conservando o que se estableza no plan especial. Temos unha xoia que queremos conservar, dinamizar e potenciar… Para a contratación deste documento o Concello contou cunha achega duns 150 000 euros da Consellería de Medio Ambiente tras a sinatura dun convenio entre as dúas administracións.