O Concello e a Deputación avanzan na recuperación do estanque do Retiro do Pasatempo unha vez que o proxecto recibiu a autorización de Patrimonio

597
A alcaldesa entregoulle ao presidente provincial Valentín González Formoso o proxecto para o que a Deputación e o Concello teñen reservados 750 000 euros

O Concello e a Deputación deron un paso definitivo cara á recuperación do parque do Pasatempo. A alcaldesa, María Barral, entregoulle ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso,  o proxecto de restauración do estanque do Retiro, no que será a primeira fase de recuperación do parque enciclopédico.

O proxecto técnico foi presentado despois de que Patrimonio dese autorización á execución das obras, requisito imprescindible para que agora, a Deputación e o Concello asinen o convenio de colaboración para investir no parque 750 000 euros.

Unha vez asinado o convenio, o Concello licitará de inmediato os traballos. O proxecto presentado esta mañá inclúe, só para este primeiro nivel do parque, un investimento de 480 000 euros.

A primeira edil explicou que aínda que “a intención das dúas administracións era dispor deste proxecto moito antes, o certo é que a complexidade deste fixo que a súa redacción levase máis tempo do agardado, ao que houbo que sumar os procesos administrativos para a súa autorización”. A alcaldesa destacou o papel “fundamental” que neste proceso tivo e ten a Deputación “co seu presidente á fronte, que desde o primeiro minuto envorcouse para destinar ao Pasatempo unha partida que entendemos moi importante e que permite iniciar un proceso de recuperación, por fases, que sen a súa achega sería imposible”.

Neste sentido, lamentou que “a Xunta non amosase, a día de hoxe, a mesma disposición que a Deputación a pesar de que publicamente, en varias ocasións, anunciaron o seu compromiso”. Barral insistiu en que “o que Betanzos espera é que a Xunta achegue, como mínimo, a mesma cantidade que a Deputación, tendo en conta que, ademais, se trata dun Ben de Interese Cultural”.

A primeira edil indicou que non pode “porse de escusa non dispor de proxecto, xa que, como se lle explicou á Xunta a intención é realizar proxectos por fases e ir dispondo a viabilidade económica para facelos. Por iso é polo que se busca a vía dun convenio e que entre as tres administracións programemos as actuacións futuras”.

O proxecto ten como obxectivo conseguir que todos os elementos arquitectónicos do estanque poidan ser percorridos polo público para o seu coñecemento e goce, e sexan seguros desde o punto de vista funcional e estrutural e adecuados desde o punto de vista estético; á vez de intervir no material escultórico para a súa estabilización e conservación, evitando en xeral completar as pezas deterioradas, propondo cinguir a reintegración volumétrica a aqueles elementos que resulten perturbadores para o ollo do espectador, e para conquerir que se facilite a lectura escultórica.

Os criterios xerais desta  primeira fase da actuación será asegurar ou reforzar os elementos estruturais, que presenten risco de caída, derrubamento ou alteración significativa; unicamente despois de asegurar esta e calquera outro con especiais requirimentos estruturais, procederase á intervención da restauración sobre os elementos decorativos.

Un exemplo claro desta metodoloxía, segundo indicou a alcaldesa,  sería o da columna con gretas do fornelo; unicamente despois de resolver o problema de apoio do fornelo, e para iso vai ser necesario desmontar, arranxar e recolocar a columna, e restauraranse as diferentes partes superficiais da columna.

Destacou que, con base ao proxecto técnico presentado, procurarase que os materiais para empregar sexan do mesmo tipo que os utilizados na obra orixinal, mais diferenciándose en cor ou textura, para deixar explícito, cal é o orixinal e cal a reconstrución implementada. Soamente achegarase novo material cando as necesidades estruturais, funcionais, ou de comprensión,o recomenden. Dada a variedade da intervención en cada peza, ou conxunto, requirirá dunha metodoloxía singular.